As crianzas de Marín prefiren coleccións coloridas nas súas lecturas

A literatura infantil continúa sendo un dos piares máis sólidos do mercado editorial galego, e as librarías corfímano coas súas estanterías cada vez máis cheas de títulos dirixidos aos primeiros lectores. Historias breves, ilustracións coloridas e personaxes entrañables dominan as preferencias do público infantil menor de oito anos, cuxas familias apostan por fomentar o hábito lector desde a etapa preescolar.
22 de agosto de 2025
2 minutos de lectura
Estantería libros Nobel Libraría
A pesar da variedade as crianzas de Marín preferiron as coleccións

Na primeira metade do ano, as crianzas de Marín decatáronse maioritariamente polas coleccións infantís máis coñecidas, títulos que mesturan humor, maxia e moita cor.

O éxito destas coleccións é innegable, mais tamén deixa no aire a pregunta de se a oferta lectora para os máis pequenos non podería ser algo máis ampla e variada.

Polikán e Escola de Monstruos os máis vendidos

Un dos fenómenos máis destacados continúa a ser a saga Polikán, creada por Javier Delgado e publicada por SM. O can azul protagonista e os seus amigos mergúllanse en aventuras disparatadas que combinan acción e chiscadelas cómicas. En Marín, os máis vendidos foron Situación desesperada, Historia de dos minions, o volume inicial Polikán e Polikán y Chikigato. A saga, cun estilo moi visual, semella ter asegurada a atención da rapazada.

Algo semellante ocorre coa serie Escolas de Monstruos, escrita por Sally Rippin e tamén editada por Montena. Trátase de títulos pensados para dar os primeiros pasos na lectura autónoma, cunha estrutura sinxela e ilustracións que axudan a avanzar páxina tras páxina. Entre os máis lidos en Marín figuran Diferentes pero iguales, La mascota más grandota e Cuidado cuando me enfado, historias que transmiten valores sobre amizade e diversidade.

A isto engádese o tirón de Boni vs Mono de Jamie Smart en Planeta Libros, onde un rapaz e un mono traveso protagonizan situacións disparatadas e cheas de cor. É doado entender o seu atractivo, mais a súa presenza masiva nas estanterías tamén evidencia ata que punto o mercado se concentra en propostas moi similares entre si, cun mesmo rexistro de humor, cores vivas e aventuras rápidas.

«Axencia Galega de Asuntos Máxicos» trunfa en lingua galega

En galego, pola contra, vese un pequeno respiro con propostas máis centradas na autoría. Axencia Galega de Asuntos Máxicos, de Ramón D. Veiga e publicada por Xerais, leva ás crianzas a un mundo onde se investiga e se xestiona o imposible, cun pano de fondo próximo e recoñecible. Aquí a aposta non depende tanto da estética colorida senón da voz narrativa e da imaxinación literaria.

Porén, tamén en galego hai unha saga que concentra boa parte da atención: Anna Kadabra, escrita por Pedro Mañas con ilustracións de David Sierra Listón, publicada por Destino e traducida ao galego por Galaxia. O título máis buscado foi O club da Lúa Chea, no que a protagonista descobre un mundo secreto de bruxas e feitizos.

En resumo, en Marín as vendas amosan que os pequenos seguen cautivos das grandes sagas, tanto en castelán coma en galego. Unha aposta segura, sen dúbida, mais que tamén deixa a sensación de que é importante apostar por outras voces e propostas máis diversas que tamén merecerían atopar o seu espazo no entorno lector máis novo de Marín.

*Datos facilitados por Nobel Espazo Lector (Marín)

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Don't Miss