Neste debut, Menéndez mergúllase na memoria do Vigo industrial, loitador e solidario. Escribe unha obra que reconstrúe, desde a beleza da linguaxe poética, a memoria da loita obreira no sector naval a finais dos anos 90, e que tanto nos lembra ás persoaxes de Los lunes al sol, o filme de Fernando León de Aranoa sobre a mal chamada «reconversión industrial».
A novela sitúase nun momento clave da historia industrial no noso país: a folga contra a privatización do estaleiro Hijos de J. Barreras e o posterior encerro dos traballadores na Noiteboa, acompañados polas súas familias. “Cando me contaron que pasaran o Nadal encerrados dentro do estaleiro, coa xente levando comida, acompañando, pareceume unha imaxe tan poderosa e tan esquecida que souben que tiña que escribir sobre iso”, conta a autora.

«Un poema longo ao Vigo obreiro»
Menéndez, que é poeta, libreira e activista cultural, leva anos escribindo poesía, pero nesta ocasión escolleu a narrativa para construír o que define como “un poema longo ao Vigo obreiro”. A obra naceu tras a súa participación na primeira residencia literaria da Cidade da Cultura, e inclúe tres anos de traballo de documentación, entrevistas con antigos traballadores e a consulta de hemerotecas dos anos 90.

Un dos piares da novela foi o testemuño de Juan José Rodríguez Suárez, daquela presidente do comité de empresa de Barreras, que lle cedeu vídeos, fotografías e relatos que serviron para artellar o fío da ficción sobre unha base real.
“Eu non vivín eses feitos, era moi pequena, pero teño moi presente a imaxe da cidade industrial. Medrei vendo pasar obreiros en monos azuis por Beiramar, e esa idea da cidade loitadora quedou comigo”, explica Cynthia. Por iso, ao decidir que historia quería contar, a resposta foi inmediata: «quería falar do Vigo que existía antes das luces de Nadal, do Vigo dos estaleiros, da solidariedade e da loita».
Memoria vívida do Calvario ou O Berbés
A novela mestura a voz poética coa narrativa obreira, un xénero pouco explotado en Galicia, segundo a autora. “A min gústame moito a literatura obreira, tanto a inglesa como a italiana, e quería escribir algo que non só falase da industria como estrutura, senón das persoas que a conformaban. Non é o mesmo ser tubeiro que fregador, e eu quería retratar iso con humanidade”, afirma.
“O que máis me entristece non é a morte, porque a morte non é triste. A morte é un rachón, un instante, un despois. A tristura é un estado, unha capa sobre o decorado. A tristura non é concreta, abrangue e arrola, tingue e traspasa. Non pode separar a tristeza e deste xeito e triste dúas veces.
O que máis me entristece non é a morte, porque sinto que son quen de entendela e aquilo que entendes vólvese estático e fai que sexa teu. Sinto que son quen enteder a morte porque aprendo esta vida sen ti, pero non entendo esta tristeza inseparable do resto. Son quen de entender algunhas poucas cousas, coma, non podo entender un todo.”
«Son coma glaciares os barcos de aceiro» (Cynthia Menéndez)
A obra está construída a base de fragmentos curtos, escenas que funcionan como postais: descricións de barrios como O Calvario ou O Berbés, pequenos recordos dun neno que vive entre manifestacións e discusións sindicais, e reflexións sobre a perda da memoria colectiva.
Asambleas de traballadores dos estaleiros recollidas nos arquivos dos sindicatos. Autoría: Manuel Couto Ulloa
Para Menéndez, o mar é un elemento esencial, tanto na súa vida como na súa escrita. “Antes mesmo de saber que quería falar da folga, xa sabía que tiña que escribir sobre o mar e os barcos. Teño unha vinculación paixonal co mar, con todo o que representa: forza, beleza, perigo, movemento… O naval resume todo iso, e Vigo tamén”, afirma.
Emoción na presentación no estaleiro de Cardama
O libro tivo unha presentación moi especial no propio estaleiro de Cardama, onde se xuntaron antigos traballadores emocionados por verse reflectidos nunha obra de ficción. “Cando se achegaban para que lles asinase o exemplar, presentábanse dicindo: ‘eu era tubeiro’, ‘eu traballaba nas chapas’. Foi marabilloso. Moitos deles recoñeceron detalles da súa vida no libro. Para min iso foi o máis fermoso”.

Pero Son coma glaciares os barcos de aceiro (Galaxia) non é só memoria, é tamén unha defensa do que Vigo foi e do que podería volver ser. “Hoxe todo parece orientado ao turismo, pero Vigo ten un pasado industrial que non se pode enterrar. A dignidade do naval e do sector pesqueiro segue viva, e a través da literatura tamén podemos recuperala”.
Así, Cynthia Menéndez debuta cunha novela que é tamén unha carta de amor á súa cidade e á xente do mar. Un retrato íntimo e combativo da beleza que se agocha entre chapas de aceiro e monos azuis.