De Ourense a Pontevedra ou o vínculo entre o Mosteiro de Santa María de Oseira e Marín

A historia da vila de Marín e do Mosteiro de Santa María de Oseira é unha trama longa e complexa que arrinca no século XII e chega ata a era moderna. A través de doazóns, xurisdicións, explotacións económicas e mesmo símbolos heráldicos, a presenza dos monxes cistercienses marcou a evolución social, económica e cultural de Marín durante 685 anos. Nesta reportaxe exploramos e contrastamos os fitos máis salientables desta relación histórica e a súa pegada no presente.
24 de febrero de 2026
3 minutos de lectura
Refectorio do Mosteiro de Oseira. Foto: Wikipedia

A historia común comeza nun acto de poder e fe: en 1112 o cabaleiro Diego Arias de Deza, señor do coto e vila de Marín, doou os seus bens ao Mosteiro de Oseira tras ingresar como monxe no cenobio cisterciense. O territorio, incluíndo o porto e as rendas xeradas pola pesca, pasou así baixo o dominio e xurisdición do mosteiro, creando un vínculo que durará máis de seis séculos.

Durante este período, Oseira non só exerceu funcións espirituais senón tamén se converteu en señor territorial e economicista, promovendo a pesca entre os colonos, organizando frota e rendas e mesmo construíndo infraestruturas defensivas como o Castelo de San Fernando para protexer o porto de Marín, inexistente xa e que foi construido sobre un promontorio, chamado Monte Pesqueira e na desembocadura do río Lameira, lugar que hoxe ocupa a Escola Naval de Marín.

Monte Pesqueira onde estaría construido o Forte de San Fernando, desaparecido por completo no século XX ao ocupalo a Escola Naval. Foto: Castillos y fortalezas de Galicia

O priorato, igrexas e comunidade

A presenza dos monxes traducíase en estructuras administrativas e relixiosas concretas. Coa doazón, Oseira constituíu un priorato en Marín, con prior e granxeiro, administrando sacramentos e xestións da vida cotidiana. Foi así que se creó a feligresía de Santa María do Porto, sobre a que se asentou a parroquia antiga da vila.

Retrato imaxinario de Afonso VII de León

A igrexa orixinal construíuse sobre unha antiga ermida e ao longo dos séculos foi reformada polos propios monxes. A festividade da Virxe do Porto, actual patroa de Marín, está tamén vinculada a esta tradición iniciada polos cisterciense.

A relación entre Oseira e Marín non foi só local: o rei Alfonso VII confirmou e ampliou a doazón real a Oseira, eximindo ao mosteiro de portaxes no seu comercio e fortalecendo a posición económica do priorato. Esta protección real permitiu que o monasticado controlase pesquerías e recadase rendas procedentes das actividades marítimas que se desenvolvían na ría de Pontevedra.

De privilexios reais e tributos do mar

Os pescadores de Marín debían tributar parte da súa colleita de peixe ao mosteiro; os produtos, para chegar ao interior, precisaban ser secados, o que fixo especialmente relevante o polbo, que aparece nos rexistros como pagamento frecuente pola súa facilidade de conservación.

Xa desde tempos tan afastados, o señorío exercíase a través da renda do peixe fresco que cada día se transportaba dende o porto ata o mosteiro. Foi tamén naquela época cando comezou o consumo dun produto que por entón apenas se utilizaba e era considerado de escasa calidade.

O polbo unha peza fundamental na alimentación de Oseira. Foto: José Marco Lull

Sánchez Reguart recompilou datos estatísticos de interese sobre o polbo capturado nesta ría, así, no ano 1787, segundo as súas anotacións, nesta provincia marítima exportábanse 14.010 quintais de polbo seco ou curado, dos cales 3.700 procedían da ría de Pontevedra. En Lourizán e Cantodarea había 40 embarcacións dedicadas a esta actividade, e entre ambos lugares Marín acadaba unha produción anual de 1.200 quintais de polbo, según se recolle na Geografía General del Reino de Galicia.

Símbolos que falan de pasado

A influencia do mosteiro chegou ata a vexiloloxía e heráldica de Marín. O antigo escudo municipal incluía un oso entre árbores, un recordo directo do señorío exercido por Oseira sobre o territorio durante séculos. As cores e elementos da bandeira tamén teñen orixes nesta relación histórica.

Antiguo escudo Marín
O antigo escudo municipal de Marín incluía o oso coas árbores

O final dunha era

Con a Desamortización de Mendizábal en 1835, os monxes víronse obrigados a abandonar Marín e a maioría dos seus bens foron confiscados polo Estado, poñendo fin á xurisdición monástica secular.

Un exemplo destes cambio foi o paso da actual Finca de Briz, antiga Granxa da Costa dos monxes de Oseira, á propiedade de D. Roberto Munaiz en 1838 que a mercaría tras a xa mencionada Desamortización.

Finca de Briz na actualidade

No caso da igrexa de Santa María do Porto, esta pasou ás mans do Arzobispado de Santiago e, anos despois, Marín foi oficialmente constituída como parroquia independente (1929–1930).

Aínda que a relación institucional terminou hai máis de 180 anos, as pegadas desa historia conxeláronse no territorio: desde toponimia e símbolos ata tradicións festivas e memoria colectiva dunha vila que medrou e se afirmou desde o mar baixo a sombra dun mosteiro interior.

Oseira
Vista parcial do Mosteiro de Oseira. Foto: Wikipedia

Polo tanto sobra dicir que a relación entre o Mosteiro de Oseira e a vila de Marín transcendeu a espiritualidade. Foi un vínculo de poder territorial, económica e social, que definiu a evolución de Marín dende a Idade Media ata a Modernidade. A presenza cisterciense deixou un legado tangible que todavía resoa na identidade e patrimonio desta vila galega.

Cristina Corral

Cristina Corral

📚 Directora Adjunta y Cultura de Diario Marín
🎓Periodista (UCJC)
🎓Licenciada en Hispánicas (USC)
👩‍🏫Graduada en Educación Primaria (UCJC)
🇬🇧 Cursó estudios de Filología Inglesa (UDC)

📰 Trabajó como periodista en: El Progreso (Lugo) y Europa Press (Madrid).
🎬Fue guionista en Netex Learning

👩‍💼Subdirigió la Revista Foeminas de la Casa de la Mujer (Concello de Lugo)
🎨Fue coeditora del magazine cultural A Revolta .
👩‍🏫 Ejerce como profesora de secundaria de Lengua y Literatura Española

📝Colabora con diversas revistas como Xistral o Trasluz 📖 y escribe cuentos infantiles 🧒y poesía para adultos📜
🗞️ Se pueden leer sus artículos periodísticos en medios como Galicia Digital, Sermos Galicia, Plaza Pública o Galicia Confidencial.

📻 Desde 2017 codirige el proyecto ESPORA (Escolas pola Radio) 🎙️ y en la actualidad es la Directora Adjunta de Diario Marín (Pontevedra) 🏙️.

📚 Bibliografía: https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/cristina-corral-soilan/obra

Deja un comentario

Don't Miss