A compañía de Novo Circo trae ao Auditorio de Marín un espectáculo cheo de humor e malabarismos para todos os públicos o domingo 6 de setembro. O Auditorio de Marín arrancará setembro co Ciclo Teatro Galego programado polo Concello de Marín e cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da Agadic, a Axencia Galega de Industrias Culturais, grazas á inclusión do Auditorio na Rede de Teatros e Auditorios de Galicia.
Será cun espectáculo circense dirixido a público familiar, “Sen Patrón” da compañía Pista Catro, o domingo, 6 de setembro, ás 19.30 horas. As entradas poden adquirise a través de Ataquilla por un prezo de 2,50€ (3€ con gastos de xestión):
Malabaristas
No mundo dos malabares, todo segue un patrón, unha orde, un ciclo perfecto que garante que as bólas non caian, que as mazas tracen o seu camiño no aire e que os diábolos viren sen fin. Pero, que pasa cando tres malabaristas queren levar a batuta ao mesmo tempo? En Sen Patrón, non hai quen mande, só mans que compiten e obxectos que voan sobre as súas cabezas nun aparente caos divertido e fascinante.
Tres cómicos que viven e móvense como os malabares que controlan, creando patróns, ciclos que se repiten ata complicarse sen sentido. Entre xogos de poder,equilibrios imposibles e moito humor, descubrirán que a verdadeira maxia non está en quen manda, senón en aprender a xogar xuntos.
Pistacatro é unha empresa de artistas galegos que se adican a crear, producir e distribuir os seus propios espectáculos de Novo Circo e Cabaré.