Este domingo 25 de maio pechou o prazo para votar as candidaturas aos XII Premios Martín Códax da música galega. Aos premios optarán nesta edición 45 bandas e artistas, 9 salas, 3 festivais e 3 canles de comunicación así como 3 candidaturas emerxentes. As persoas gañadoras daranse a coñecer o próximo mércores 28 nesta gala que terá lugar ás 20.30 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra, na que será xa a súa duodécima edición.

Blues, Funk, Soul e Folk
Nas categorías de Blues, Funk e Soul os elexidos son Víctor Aneiros, Helena Egea e Allo Negro, por outra banda Alana, Coanhadeira, De Ninghures, ocupan a categoría folk. En Músicas do Mundo e Mestizaxe os finalistas son Crúas, dúo formado por Alba Ermida, cantante e clarinetista, e a pianista Iria San Marcial, o espírito festivo de Fanfarria Taquikardia e os sons africanos de TanDub; na categoría de Canción de Autor/a resultaron finalistas artistas de diferentes xeracións: Migui Bouzó, a cantante de Cee Rocío Caamaño, e A Pedreira, a viaxe musical de Ugia Pedreira.
Na categoría de Músicas Urbanas, resultaron finalistas Amoebo e os seus ritmos pop e latinos, o rapeiro Hugo Guezeta e a rapeira Nadie González. O ámbito das Orquestras, Grupos e Música de Verbena quedou representado nos finalistas: A Banda da Balbina, Los Satélites e Son das Tabernas, e en Metal e Heavy o recoñecemento foi para Acouga, Brutal e Sicixia.
Das músicas tradicionais ao Rock e o Punk
A Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Agrupación Musical do Rosal e Banda de Música Municipal da Estrada foron as finalistas na categoría de Bandas de Música Popular. En Música Tradicional dúas cantantes finalistas conectadas coa tradición oral no presente: Carmela e Faia, e unha formación, Unto Vello, mocedade centrada na recuperación dos cantares tradicionais. Brais das Hortas, Golfiño e Pakolas son finalistas 2025 en Música Infantil e a pianista e investigadora María Domínguez, o compositor e docente Juan Eiras, e a pianista e compositora María Mendoza, en Música Clásica e Contemporánea.
As últimas categorías das que foron revelados os proxectos finalistas na tarde do do pasado mércores 7 de maio son algunhas das que máis candidaturas reciben en cada edición dos Premios Martín Códax da Música. En Electrónica son finalistas: Lontreira, Rumi e Russ; en Jazz e Músicas Improvisadas, Valentín Caamaño, Baldo Martínez Sexteto e Orquestra Galega de Liberación; en Rock e Punk, Os John Deeres, Loita Amad e, Mad Martin Trio, e por último, en Pop e Indie, Måi, o proxecto liderado por Iseo Agilda, a cantante Sabela e o grupo ferrolán Zavala.
Artistas emerxentes
Os Premios Martín Códax da Música -organizados por Músicas ao Vivo, coa colaboración e apoio das Bodegas Martín Códax, o Concello de Pontevedra, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra- contan ademais cunha categoría adicada aos artistas emerxentes, instaurada en 2022, nesta edición representadas por Ash Diz, Ulex e Paracetafolk, cos que se fala de diversidade da música do país.
Ash Diz interpreta ‘O Estraperlo»
Os premios de Organistrum
Tamén se entregan nesta gala os premios especial Organistrum que abarcan distintas categorías como:
- Medios e canles de comunicación: Cuac fm, Recollendo Músicas e Dando a lata.
- Festivais: Asalto ao Castelo de Vimianzo, Festas do Barrio de San Pedro (Santiago de Compostela), e o Festival Alternativo Millo Verde (Redondela).
- Salas: A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro), a Sala Rebullón (Mos) e Riquela Club (Santiago de Compostela).

