O vindeiro venres 4 de setembro, ás 20:00 h, na sede do Ateneo Santa Cecilia comezamos a nova tempada de exposicións coa inauguración de “Cianotipias” de Santiago Leal Casás. A entrada é libre e de balde ata completar a capacidade do local.
Nado en Marín en 1966, Santiago Leal estudou Imaxe e Son na Coruña. En 1993 foi proxeccionista de cine, percorrendo moitos pobos de Galicia. Traballou en Radiotelevisión Compostela (1995). Formou parte do equipo organizador das VIIas Xornadas internacionais de vídeo-Monográfico sobre infografía, en 1991, levadas a cabo polo Ateneo Santa Cecilia. Nestas xornadas realizouse unha das primeiras demostracións feitas en España de Televisión de Alta Definición, e participaron persoas de referencia, como Gustavo Martínez Schmidt, realizador do programa Metrópolis de TVE.
É afeccionado desde hai moito tempo a diversas expresións artísticas, como la fotografía ou a pintura, entre outras. A exposición estará aberta ao público no Ateneo do 4 ao 18 de setembro. Poderase visitar de luns a venres, en horario de 18:00 a 20:30 h.
Carácter artesanal da cianotipia
Esta exposición está baseada na técnica de carácter artesanal da cianotipia. A base da mostra está dedicada a motivos vexetais aos que se engade o seu nome científico. Tamén se amosan outras obras de carácter máis experimental.
O método da cianotipia baséase en varios pasos, primeiro debemos elixir o soporte sobre o que queremos realizar a cianotipia. Pode ser papel, tea, madeira, cerámica, pedra, coiro…Logo elixiremos o motivo que desexamos mostrar. No meu caso elixín fotografías en branco e negro e como soporte elixín papel. Ás fotografías hai que darlles algo de contraste, facer un negativo desa foto e imprimir en acetato.
O seguinte paso é darlle ao papel un líquido baseado na mestura de dous produtos químicos, metade e metade. Isto hai que facelo nunha zona onde non entre a luz do sol. Deixaríase secar e, unha vez seco, ponse o negativo sobre o papel e expoñerase ao sol uns tres minutos, intentando que lle dea a luz dunha forma perpendicular. Pasados eses tres minutos, métese o papel a unha zona sen luz solar, e limparase o papel con varios baños de auga. Unha vez limpado con auga só queda poñelo a secar e xa estaría nosa cianotipia terminada.