As celebracións comezaron xa o domingo 7 de setembro coas Festas da Virxe do Porto 2025. Ás 11.00 horas tivolugar o pasarrúas de Pousos da Area polas rúas de Marín. Estaba prevista para o mediodía a IV Xornada de homenaxe ás mulleres e homes do mar, organizada polo Museo do Mar co acompañamento da Banda de Música de Valga, mais a organización anunciou que este acto se apraza ata o 28 de setembro.
Xa pola tarde, ás 19.30 horas, celebrouse o Memorial Padre Marino e Antonio Fernández dos Chaneiros na Alameda, e ás 22.00 horas o grupo Los Coleguitas ofreceu un concerto no mesmo espazo.

Moita música nun luns festivo na vila
Onte luns, día festivo na vila, continuou a programación no Porto con máis música nas rúas. Ás 11.00 horas sairon Os de Marín en pasarrúas, seguidos ás 12.00 horas pola misa e procesión, coa participación da Coral Lembranzas, Airiños de San Xulián e a Unidade de Música da Escola Naval Militar. A animación seguiu ás 12.30 horas coa Charanga OT e, xa de noite, ás 19.30 horas, a Alameda acolleu o espectáculo musical Pop Rock Symphony Fusion.
Tamén o luns arrincaron as Festas Patronais de Santa María de Ardán. O día abriuse ás 08.00 horas coa tirada de fogos de Alba e ás 10.00 horas a Banda de Música Artística de Bueu percorreu as rúas en pasarrúas. Ás 12.30 horas tivo lugar a misa solemne, cantada polo coro parroquial de Ardán, e ás 14.00 horas a mesma banda ofreceu un concerto. A xornada pechouse ás 22.00 horas cunha verbena no campo de Carballido, amenizada polas orquestras Magos e Marbella.

Hoxe día grande do Patrón de San Roque
Hoxe, martes, Ardán vivirá o día grande do Patrón de San Roque. A programación incluirá a tirada de bombas de palenque ás 08.00 horas, o pasarrúas da charanga Noroeste ás 10.00, e unha misa solemne cantada pola coral parroquial ás 12.30 horas. A continuación, ás 14.00 horas, haberá concerto da charanga Noroeste e ás 21.30 horas a gran verbena no campo de Carballido, nesta ocasión coa popular orquestra Os Satélites.
Así, Marín vivirá un ano máis un setembro cheo de tradicións e música, cun programa que garante actividades para todos os públicos e que reforza o carácter festivo e comunitario da localidade.

