José Suárez (Allariz, 1902 – A Guarda, 1974) é un referente artístico galego de dimensión internacional. O seu traballo situábase no eido do fotodocumentalismo, pero cunha mirada profundamente humanista e próxima á vangarda.
Este ano dedícaselle o Día das Artes Galegas e no Museo de Pontevedra celebrámolo coa xornada Novas miradas sobre José Suárez, organizada en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes.
Serie Mariñeiros
Este xoves, de 16:30 a 20:30 horas, Carlos Bernárdez falará das relacións entre as fotografías da serie Mariñeiros de José Suárez e os debuxos de Maruja Mallo do seu Caderno de Bueu.

Menchu Lamas fixarase na imaxe da muller nas fotos de Suárez, mentres que Miguel Anxo Seixas relacionará o seu xeito de ollar Galicia co da estadounidense Ruth Matilda Anderson.
A última conferencia será a de Cristina Echave, conservadora do Arquivo gráfico do Museo de Pontevedra, que analizará o proceso de recuperación, catalogación, conservación e difusión da colección fotográfica de José Suárez que custodia o Museo.