Aurora Marco, catedrática da USC: «Hai que seguir deitando luz sobre o noso pasado. E, no caso das mulleres, rachar coa invisibilidade, co silencio e co esquecemento sobre elas»

Aurora Marco (Noguera de Albarracín, Teruel, 1948) é unha destacada investigadora, ensaísta e historiadora especializada na recuperación da memoria histórica e, de xeito particular, na visibilización das mulleres galegas silenciadas pola historia oficial. Formada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén foi catedrática de Didáctica da Lingua e a Literatura Galega, dedicou máis de tres décadas a reconstruír biografías, documentos e testemuñas arredor da represión franquista, da resistencia antifascista, da educación e da cultura galega en clave de xénero.
15 de enero de 2026
10 minutos de lectura
Aurora Marco
Aurora Marco, cun exemplar do libro sobre María Vázquez Suárez. Foto: Alvarellos Editora

Entre as súas obras destacan títulos fundamentais como Dicionario de mulleres galegas (2007), Mulleres na guerrilla antifranquista galega (2011), Irmandiñas (2020) ou Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos (2023). Ademais da súa produción escrita, participa con frecuencia en conferencias, proxectos de divulgación e iniciativas de recuperación da memoria democrática, impulsando que as mulleres recuperen o espazo que lles corresponde na historia de Galicia.

Diario Marín: Que foi, en primeiro lugar, o que a levou a interesarse pola memoria histórica? E por que decidiu centrar ese interese na achega das mulleres galegas?

Aurora Marco: Levoume o feito de querer saber, o feito de querer recuperar o que estaba oculto, silenciado, esquecido. Por iso, decidín centrarme nas mulleres galegas, ausentes da historia oficial porque a cultura do masculino foi a que se impuxo; a historia dos homes foi durante moito tempo sinónimo da historia da humanidade. Como para a memoria de licenciatura e para a tese de doutoramento traballara moito co século XIX, partín dese período e, ao principio, traballei sobre as galegas vinculadas ao mundo das letras e da educación, eixos da miña vida profesional. En 1984 publiquei un primeiro artigo sobre “Escritoras galegas do XIX. Avelina Valladares”, que marcou, en certo modo, a liña de investigación na que levo moitos anos. Virían despois outros traballos e libros, como As precursoras (1993), Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras (2002) ou a edición de Queixas, de Áurea Lorenzo Abeijón (2004), por citar tres.

Diario Marín: Durante moito tempo, a historia da represión, da resistencia ou da cultura galega recollía principalmente as vidas dos homes. En que sentido a perspectiva de xénero modifica ou complementa esa visión tradicional da historia?

 Aurora Marco: Incorporar a perspectiva de xénero na investigación significa desvelar e dar a coñecer o protagonismo que tiveron as mulleres na sociedade, pousar a ollada sobre o mundo, en feminino e masculino, tal como é. Con esta categoría de análise o que se trata é de pór fin a unha inxustiza, a da exclusión das mulleres, o que nos permite mirar o mundo doutra maneira. A visión tradicional que ten como eixo central a historia dos homes resulta incompleta, inharmónica, é unha visión distorsionada da realidade.

A data de 1975 marcou un punto de inflexión: coa morte do ditador, a proclamación do Ano Internacional das Mulleres, o Decenio de Nacións Unidas para as Mulleres (1976-1985), a emerxencia do movemento feminista, as cuestións relacionadas coa situación e dereitos das mulleres comezaron a revisarse. Iso repercutiu, tamén, na investigación. Todo foi amodiño, a verdade, mais nos últimos 25 anos avanzouse neste sentido.

María Vázquez, a mestra socialista de Miño

Diario Marín: Nos seus traballos rescata vidas e nomes esquecidos. Acaba de facelo co libro que está a presentar sobre a mestra de Miño, María Vázquez (Alvarellos, 2025). Cal é o proceso que segue para reconstruír as biografías destas mulleres? Con que fontes traballa e que dificultades adoita atopar?

Aurora Marco: Traballar con esta perspectiva implica unha metodoloxía ecléctica, diversificar moito as fontes utilizadas, sobre todo nos libros posteriores aos que citei, porque deixei á parte a delimitación temática e cronolóxica e fixen traballos máis ambiciosos, con  mulleres de todos os ámbitos de actuación, desde as orixes até 1975, como o Dicionario de mulleres galegas (2007) ou Elas (2015). Percorrín bibliotecas, arquivos públicos e privados, rexistros, consultei enciclopedias, historias temáticas, historias locais, repertorios bibliográficos, monografías, catálogos, xornais e revistas… De grande importancia foron as fontes orais, que permiten unha aproximación á realidade de grupos sociais situados fóra das esferas do Poder e, alén diso, dan resposta aos problemas derivados da ausencia de fontes escritas. Coas represaliadas, tiven que consultar tamén outros materiais e botar man, por exemplo, das actas dos consellos de guerra. O acceso a determinadas fontes en ocasións estivo cheo de dificultades. Por outra parte, como tiven que viaxar moito, mentres estiven en activo tiña que ocupar parte das miñas vacacións nos desprazamentos… Facer estas investigacións non foi un camiño de rosas, pero todo pagou a pena.

Diario Marín: No caso das mulleres represaliadas, existe unha dobre violencia: a política e a de xénero. Como se manifesta esa dobre represión nas fontes e nos testemuños que vostede analizou?

Aurora Marco: Todo mudou para as mulleres tras a sublevación militar. Coa nova orde social o seu papel ficou reducido ao cumprimento dunha serie de roles tradicionais, concentradas en tarefas reprodutoras, recluídas na casa, afastadas da actividade pública e, polo tanto, política, o que contribuíu á conformación dun modelo ideal feminino. Porque o que lles interesaba, en definitivo, eran mulleres para Deus, para a patria e para o lar.

Para as que traspasaron aquelas barreiras –as guerrilleiras antifranquistas, por exemplo–, a represión foi brutal pola ferocidade dos métodos utilizados. Foi unha represión de xénero. Nos catro anos en que andei recollendo materiais para o libro, houbo  testemuños arrepiantes que me trasladaron fillas, netas, irmáns daquelas resistentes. Cando me contaban algunhas pasaxes das súas vidas houbo momentos en que tivemos que deter a gravadora porque choraba a entrevistada ao relatar a tortura física e psicolóxica pola que pasara, pero tamén choraba eu. Narraban esa dupla violencia aludida: pola desafección ao novo réxime e pola súa condición feminina.

O agradecemento das familias represaliadas

Diario Marín: A recompilación da memoria histórica implica tamén unha dimensión ética e emocional. Que significado ten para vostede devolverlles voz a mulleres ás que se lles negou o dereito a seren lembradas?

Aurora Marco: Polo contacto coas represaliadas ou coas súas familias, e pola dureza e crueldade extremas das historias que escoitei, a miña implicación emocional foi moi forte. Comecei no 2006 na procura de testemuñas, sobre todo familiares, para elaborar o libro das guerrilleiras. Vin tanto agradecemento por parte das familias que tiñan necesidade de facer pública a historia de nais, irmás, avoas, que considerei unha obriga seguir con esta liña de investigación. E desde entón continuei recuperando as historias de vida doutras mulleres, como a exiliada Carmiña Sierra, a primeira muller do Seminario de Estudos Galegos, ou a mestra fusilada María Vázquez, libros que publiquei en 2023 e 2025 respectivamente en Alvarellos Editora. Elas habitaron os espazos do silencio durante demasiados anos e as súas actividades ficaron na maioría dos casos entre os muros das casas, lembradas en voz baixa, case en murmurio ou en arquivos, algúns lonxe da terra, das que marcharon ao exilio. Devolverlles a voz, situalas na historia á que pertenceron en igualdade cos compañeiros de loita, recoñecelas e en certo modo  homenaxealas, prodúceme unha enorme satisfacción. E estou moi orgullosa por ter feito este traballo, no que sigo.

Interveu no acto Queta Molas, da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín
Queta Molas da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín. Foto: JLPortela

Diario Marín: A través de obras como Mulleres na guerrilla antifranquista galega ou Irmandiñas, vostede revelou o papel decisivo das mulleres na resistencia, na cultura e na educación. Que legado considera que deixaron para as xeracións actuais?

Aurora Marco: É curioso, en ambos os libros moita xente que veu ás presentacións descoñecía a súa existencia. Co libro das guerrilleiras preguntábase un señor en Compostela, “de que irá falar esta muller?”, porque dicía que só houbo guerrilleiros e el sabía de varios. Despois contoumo. No caso das irmandiñas, excepto catro ou cinco, descoñecíase todo sobre elas. Tras unha demorada investigación puiden confirmar que na acción social, cultural e política, tamén estaban elas: na defensa da lingua (o obxectivo fundamental polo que naceron as Irmandades da Fala), no espallamento do ideal galeguista e máis tarde republicano, na escrita, no ensino (Escolas de Insiño Galego); no desenvolvemento editorial galego; na música, na danza, no teatro, na actividade intelectual, na actividade política… Ese foi o legado que nos deixaron, o seu traballo constante, calado, produtivo, en diferentes ámbitos de ocupación, que había que recuperar.

Diario Marín: A investigación histórica esixe rigor, pero tamén sensibilidade, especialmente cando se traballa con memoria familiar ou testemuñas vulnerables. Como consegue equilibrar estes dous aspectos?

Aurora Marco: Eu formeime con Carvalho Calero, enormemente rigoroso, que buscaba esa mesma esixencia na investigación ás persoas que traballamos con el. Agradezo á vida que me dese a oportunidade de aprender do seu rigor, da súa ética e estética. En cada traballo que emprendo deixo a pel, busco materiais até o esgotamento, investigo con honestidade, citando traballos dos que son debedora, sen dedicarme a copiar o que fan outras persoas, unha práctica tan estendida e tan pouco ética. Canto á sensibilidade, depende de cada persoa. Eu son moi sensíbel, é difícil non selo cando escoitas as historias que escoitei e que me permitiron reconstruír biografías de mulleres excluídas da historia, esquecidas ou ignoradas. Mais a procura da obxectividade non a perdo de vista para conseguir o equilibrio referido.

A ARMH de Marín, unha asociación moi activa

Diario Marín: En decembro de 2017 vostede pechou as Xornadas para recuperar a memoria histórica en Marín cunha conferencia sobre as mulleres na Galicia republicana. Que recorda daquela intervención? Cre que tivo impacto na vila e nas súas iniciativas arredor da memoria? Algunha investigación destacable personal que recorde na zona?

Aurora Marco: Lembro ben aquela intervención nas Xornadas de Memoria Histórica organizadas pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, xunto coa Fundación Alexandre Bóveda e o Instituto Galego de Historia. A ARMH de Marín, asociación moi activa, moi dinámica, presidida desde a fundación por Queta Molas, celebraba os dez anos de existencia cun programa especial onde tiveron cabida as xornadas. Eu centrei a miña intervención na lembranza de mulleres da Galiza republicana de diferentes lugares e profesións, case todas represaliadas en maior ou menor medida, algunhas exiliadas e outras abondo descoñecidas naquel momento. Este tipo de iniciativas sempre teñen impacto nos lugares onde se desenvolven porque dan a coñecer un período da historia de noso demasiado esquecido. A ARMH de Marín, á que xa acudira antes co meu fillo para presentar o noso documental As silenciadas, leva realizado, e segue,  numerosas actividades a prol da memoria, un feito ben importante porque, como é sabido, a memoria ten unha función curativa.

Diario Marín: A divulgación é unha parte fundamental do seu labor: libros, conferencias, documentais… Que papel deberían ter as institucións, os centros educativos e os concellos na preservación e difusión da memoria das mulleres?

Aurora Marco: En toda a miña vida profesional traballei por e para a cultura galega. Se as persoas que nos dedicamos a este labor –e máis en concreto á recuperación das mulleres galegas–, só nos centrásemos en escribir e publicar libros sería un traballo escaso porque no informe do Observatorio de Hábitos de Lectura, e compra de libros en galego,  as cifras son irrisorias, patéticas. Por iso é preciso facer un labor complementario de difusión a través de presentacións, conferencias, proxeccións de documentais… É unha cuestión de militancia cultural. No traballo dos últimos anos, centrado nas mulleres represaliadas, fixen este labor por concellos, centros de ensino secundario e universitario, fundacións, asociacións culturais e de memoria histórica. É un labor necesario porque as políticas públicas de memoria –fundamentadas no dereito á Verdade, á Xustiza e á Reparación– non teñen apoio institucional por parte da administración galega. Pero o acceso á cultura da cidadanía é unha obriga dos gobernos.

Homenaje en Pozo da Revolta, Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín. 21-9-2025
Homenaxe no Pozo da Revolta, ARMH de Marín

Diario Marín: A reparación simbólica —homenaxes, sinalizacións, biografías recuperadas— é unha das súas preocupacións. Que importancia teñen estes xestos na construción dunha memoria colectiva máis xusta?

Aurora Marco: En todas as publicacións que fixen sobre mulleres, e nomeadamente sobre as represaliadas, sempre considerei que o simple feito de facelas era unha homenaxe, e así o expreso sempre, porque a súa historia era descoñecida ou estaba agachada. Coa recuperación da verdade e con xustiza, chega a reparación, sobre todo para as familias porque as mulleres biografadas xa morreron nesta altura, non cando comecei. Mais, non abonda con isto; como indiquei, hai que facer homenaxes expresas, roteiros, exposicións, congresos temáticos específicos, sinalizacións… Nas presentacións do libro que acabo de publicar, María Vázquez, a mestra socialista  eliminada polo franquismo, nos concellos por onde pasei, pedín que poñan o nome desta mestra que nos arrebatou a barbarie fascista nunha rúa, nunha placa, pode erixirse un monumento, pode dar nome a unha biblioteca… E seguireino a facer. Son xestos importantes que axudan, como ben dis, á construción dunha memoria colectiva máis xusta.

Diario Marín: E de cara ao futuro: que retos ou liñas de investigación considera aínda pendentes no estudo da historia das mulleres e da memoria democrática en Galicia?

Aurora Marco: Hai que seguir deitando luz sobre o noso pasado para afondar e ampliar os horizontes da historia colectiva. E, no caso das mulleres, para rachar coa invisibilidade, co silencio e co esquecemento sobre elas. Estou moi farta do relato androcéntrico que non representa ao conxunto da  sociedade. Teño experiencia abondo neste sentido e puiden comprobar como en publicacións, en actos, non está garantida a igualdade da presenza feminina non só na temática a tratar senón nas persoas que interveñen porque, quen organiza, considera que este é un tema masculino. Para construír esa memoria colectiva da que falamos, o relato non pode ser excluínte. Un mesmo acontecemento histórico pode xerar experiencias diferentes en función de diferentes factores. Non se pode desvalorizar o papel xogado polas mulleres naquel período de infausta memoria que se iniciou co golpe militar do 36.

Por outra parte, non se pode furtar a historia de noso ás novas xeracións. Neste sentido hai que prestar atención aos centros escolares e incluír na programación dos diferentes niveis educativos, materiais pedagóxicos sobre a historia recente.

Cristina Corral

Cristina Corral

📚 Directora Adjunta y Cultura de Diario Marín
🎓Periodista (UCJC)
🎓Licenciada en Hispánicas (USC)
👩‍🏫Graduada en Educación Primaria (UCJC)
🇬🇧 Cursó estudios de Filología Inglesa (UDC)

📰 Trabajó como periodista en: El Progreso (Lugo) y Europa Press (Madrid).
🎬Fue guionista en Netex Learning

👩‍💼Subdirigió la Revista Foeminas de la Casa de la Mujer (Concello de Lugo)
🎨Fue coeditora del magazine cultural A Revolta .
👩‍🏫 Ejerce como profesora de secundaria de Lengua y Literatura Española

📝Colabora con diversas revistas como Xistral o Trasluz 📖 y escribe cuentos infantiles 🧒y poesía para adultos📜
🗞️ Se pueden leer sus artículos periodísticos en medios como Galicia Digital, Sermos Galicia, Plaza Pública o Galicia Confidencial.

📻 Desde 2017 codirige el proyecto ESPORA (Escolas pola Radio) 🎙️ y en la actualidad es la Directora Adjunta de Diario Marín (Pontevedra) 🏙️.

📚 Bibliografía: https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/cristina-corral-soilan/obra

Deja un comentario

Don't Miss