A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos, co ánimo de contribuír a acrecentar a calidade creativa das e dos nosos escritoras e escritores, promover o talento e o potencial literario na nosa provincia e incentivar a creación dramática en lingua galega, convoca o I Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación de Pontevedra como homenaxe ao escritor e dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 75 aniversario da súa morte.
Poderán participar todas as persoas, maiores de idade, que presenten obras de teatro escritas en lingua galega de acordo coa normativa da RAG, inéditas, non premiadas en ningún outro certame nin levadas a escena en ningún espectáculo.

Premio 12.000 euros
Outorgarase un premio único, dotado con doce mil euros (12.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 26/334.3340.480.04 do Orzamento ordinario do organismo provincial.
A extensión máxima será de 200.000 caracteres con espazos incluídos, e deberá cumprir as seguintes especificacións: folla formato DIN A4, texto a dobre espazo, letra Times New Roman con corpo 12, entreliñado dobre, as marxes esquerda, dereita, superior e inferior serán de 3 cm e deberá estar paxinado. En ningún caso o nome da persoa autora poderá aparecer no texto da obra.
Prazo, 31 de outubro
O prazo de presentación iniciarase o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria deste premio no BOPPO, a través da Base de Datos Nacional de Subvencións, e rematará o día 31 de outubro de 2025. Os orixinais enviaranse, a portes pagados, á Deputación de Pontevedra (Rexistro Xeral), avda. Montero Ríos, s/n, 36071, Pontevedra.
As obras que non respondan a estas características non se terán en conta para a súa valoración por parte do xurado. Para garantir o anonimato das solicitudes, a presentación realizarase baixo o sistema de plica, coa presentación dun sobre pechado, a portes pagados, que indique no exterior o título “I Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación de Pontevedra” e o lema ou pseudónimo da persoa autora.
Dentro deste sobre principal incluiranse dous sobres (sobre A para a obra e sobre B para a documentación). En ambos os dous sobres indicarase o seguinte no exterior:
• I Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación de Pontevedra
• Título da obra
• Un lema ou pseudónimo
SOBRE A. Obra
As obras presentaranse preferentemente en soporte dixital, nun USB; o formato de documento será o de Word ou OpenOffice, ademais de PDF. O documento incluirá na portada a seguinte identificación:
• I Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación de Pontevedra.
• Título da obra.
• Lema ou o pseudónimo da persoa autora.
En caso de optar pola presentación en papel, os orixinais serán enviados por duplicado, en exemplares separados, grampados ou encadernados, e indicando o número total de caracteres.
SOBRE B. Documentación
Incorporará os seguintes documentos:
• Copia do documento de identidade
• Enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico.
• Breve currículo.
• Declaración responsable na que manifeste ser a persoa autora e titular de todos os dereitos da obra presentada.
• Declaración expresa de que a obra é inédita e non foi premiada, ata a data da súa presentación, en ningún outro premio ou certame, e que na súa escrita non se empregou ningunha clase de IA xenerativa.
• Escrito no que manifeste a súa conformidade coa cesión dos dereitos de edición da obra (incluídos os de publicación, distribución e explotación) por un prazo de cinco anos dende a data da concesión do premio
• Declaración de consentimento expreso para o tratamento dos datos persoais que constan na solicitude para a participación no I Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación de Pontevedra, de conformidade co establecido na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.