Lecturas para comprender e nomear algunhas violencias de xénero no 25 N

Cinco obras que iluminan as fendas do machismo e convidan a construír novas narrativas de resistencia.
25 de noviembre de 2025
2 minutos de lectura
Avoa e neta lendo
A importancia de ler en comunidade sorora no 25N

No marco do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a literatura convértese nun espazo de memoria, denuncia e resistencia. Por iso escollemos cinco obras entre as moitas lecturas necesarias para comprender e combater o machismo que atravesa a nosa sociedade.

A memoria como ferramenta contra a impunidade

En Invisibles (Ensaio, Montse Fajardo, Galaxia, 2018) recompílase historias reais de mulleres que sufriron diferentes formas de violencia de xénero ao longo de décadas en Galicia. O libro combina xornalismo e memoria, ofrecendo unha radiografía rigorosa e emotiva do que significa sobrevivir nun contexto que durante anos silenciou ás vítimas. Fajardo dá voz a mulleres ás que a sociedade non quixo escoitar, e así transforma cada testemuño nun acto de reparación. A obra contribúe de maneira decisiva a entender como o machismo estrutural opera nas institucións, nos xulgados e nos medios, recordándonos que a loita contra a violencia tamén pasa por recuperar a verdade das vítimas.

Maniobras de control sobre os corpos femininos

El baile de las locas (Novela, Victoria Mas, Planeta, 2019) mergúllanos no París do século XIX para relatar a historia das mulleres recluídas na Salpêtrière, moitas delas apartadas por comportamentos considerados impropios. A novela é unha metáfora poderosa sobre como a sociedade patologizou durante séculos a rebeldía feminina. O famoso baile anual converte o sufrimento destas mulleres en espectáculo, revelando dinámicas de morbo e control que, malia ser históricas, seguen dialogando tristemente co presente.

Desmontar os prexuízos sobre a saúde mental feminina

Na mesma liña, As tolas que non eran (Ensaio, Xerais, 2007) recupera vidas de mulleres catalogadas como “tolas” pola súa contorna, denunciando como a saúde mental feminina foi moldeada por expectativas sociais e morais. A obra desmantela estereotipos profundamente arraigados e expón as violencias simbólicas exercidas pola familia, a medicina e a sociedade. O libro é unha defensa da diversidade emocional e unha chamada a comprender a saúde mental desde unha óptica feminista.

A violencia que se aprende desde a infancia

Artur e Clementina (Conto infantil, Adela Turín e Nella Bosnia, Kalandraka, 2012) é un clásico da literatura infantil que explica con claridade como comeza a violencia psicolóxica. A historia de Clementina, unha tartaruga que ve limitados os seus soños pola actitude controladora de Arturo, ofrece unha lección fundamental: o amor non debe empequecer nin encadear. É un recurso imprescindible para educar en igualdade desde o inicio da vida.

Un chamamento colectivo

Por último, Manifesto 25N (Ensaio colectivo, Alvarellos, AAVV, Fervenza, 2020) reúne voces diversas que comparten compromiso e denuncia. Esta obra coral na que predomina a voz lírica, funciona como un chamamento colectivo contra a violencia machista e como unha invitación a imaxinar un futuro libre de desigualdade. É un recordatorio de que o 25N non é só unha data, senón unha responsabilidade permanente.

Como diciamos, estas cinco lecturas son apenas unha pequena mostra dun universo literario cada vez máis comprometido coa igualdade. Obras necesarias que axudan a comprender, nomear e combater as múltiples formas da violencia de xénero, tanto no pasado como no noso presente.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Don't Miss