Neste ano a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens. De aí a importancia de lembrar a aparición de libros xa clásicos como «Solaina», libro-disco coordinado polo músico galego Xico de Cariño.

En «Solaina» (Kalandraka) recóllense cancións de carácter popular, mesturadas con letras e poemas de outros moitos autores e autoras como: Xosé Neira Vilas, Anisia Miranda, Xosé Lois García ou Xosé Vázquez Pintor de Galiza. Pero tamén portugueses como Fernando Pessoa e Mario Branco. Hai pois unha mestura entre popular e culto, deixándonos claro que son as primeiras en moitos casos as fontes nas que beben as segundas.

Os textos están adaptados polo propio Xico e teñen carácter pedagóxico, pois falan de temas tan recorrentes nas escolas como a solidariedade ou a ecoloxía e mesmo a importancia do cantar, do recitar, na vida das crianzas.

Cerámica nas ilustracións
«Solaina» está ilustrado polo ceramista Francisco Pérez Porto a partir das súas propias pezas de cerámica, facendo da obra non so un canto á poesía e á música popular, senón tamén á propia arte do barro e da escultura, pois como el mesmo ten afirmado nalgunha ocasión: «a cerámica integra a pintura no traballo escultórico».
A ecoloxía das cancións é tamén protagonista das súas ilustracións, así, as chemineas de Pérez Porto non contaminan, porque teñen un lazo cun forte nó, atándoas para que non saia así o fume por elas, o que fai que os paxaros azuis poidan vivir felizmente.

Ademais, dentro desa intención didáctica do libro-disco, estaba tamén dar a coñecer instrumentos musicais artesanos, como é o caso da zanfona, a acordeón, a gaita, o cavaquiño ou a cabaza, tal e como se poden ver nas páxinas interiores do libro.

Música de «Na Virada»
A música do disco corre a cargo grupo de Cangas Na Virada, que daquela estaba formado por María Xosé López, José Pumar, Alexandre Ríos, Humberto «Heredia» e Xico de Cariño. Pero se algo caracterizou a este proxecto foi a multiculturalidade deste, pois nel teñen cabida outros quince músicos máis de lugares tan distintos como Brasil, Cuba ou Costa de Marfil. Podemos falar tamén da colaboración doutros músicos galegos como foron Jorge Beltrán (Siniestro Total), Antonio López (Acuña Jazz), Xosé Fernández (ex Muxicas) e membros de Xistra de Coruxo.

«Solaina» foi no momento da súa saída no 2006 unha bonita semente, xermolo da aposta didáctica polo popular, nuns tempos onde a música infantil estaba lonxe de ser algo cercano á música tradicional galega.
