Andrea Nunes, poetisa: «Aínda que vivise en diferentes lugares de China, de Italia ou en Compostela, Marín está sempre presente como porto emocional»

A súa poesía é encarnada e política, cunha voz que entrelaza o íntimo e o colectivo, e que entende o corpo como territorio de memoria, resistencia e creación.
19 de septiembre de 2025
5 minutos de lectura

Andrea Nunes, poetisa, ensaísta e activista transfeminista. Desenvolveu parte da súa carreira académica durante case dez anos fora, como profesora en universidades da China e de Venecia e, de regreso a Galiza, no Centro de Linguas da Universidade da Coruña. Na actualidade é profesora de secundaria e bacharelato en Santiago de Compostela e imparte obradoiros de escritura creativa e diversidade sexual e de xénero.

A súa traxectoria literaria está intimamente ligada ao activismo transfeminista e á defensa das disidencias sexuais, corporais e afectivas.

Diario Marín (DM): En que momento te decataches que desexabas ser escritora?

Andrea Nunes: Non houbo un momento único, senón unha necesidade que foi medrando. A palabra sempre me acompañou: de nena escribía pequenos textos, diarios, versos soltos. Pero foi no contacto co feminismo e co activismo LGTBIQ+ cando entendín que a escrita tamén podía ser ferramenta política, un lugar de memoria e de resistencia. A partir de aí, escribir converteuse en algo que xa non era opcional, senón vital.

La poetisa Andrea Nunez
La poetisa Andrea Nunez.

DM: Cales son os teus referentes?

Andrea Nunes: Os meus referentes son múltiples e mudan co tempo. Están as poetas que abriron camiño como Ana Romaní,  Olga Novo,  Chus Pato, Lupe Gómez ou Yolanda Castaño. Tamén autoras universais como Audre Lorde, Adrienne Rich ou Gloria Anzaldúa.  E moitas compañeiras de xeración que escriben desde o corpo e a disidencia, que me inspiran tanto como as máis consagradas; Lucía Aldao, Silvia Penas, Nuria Vil. Pero tamén son referentes as amigas, as músicas, as que escriben desde fóra do canon, desde os marxes, desde outras linguas e territorios.

Ainda que tiveches momentos case nómadas na túa vida, o que resultou sen dúbida enriquecedor, ten Marín algunha repercusión na túa obra?
Andrea Nunes: Si, sen dúbida. Marín é raíz, é memoria de infancia, é a relación co mar e coa comunidade, e a miña avoa limpando peixe, o meu avó tocando a súa trompeta,  miña nai levándome a miña primeira manifestación contra ENCE xa de moi pequena, miña tia Isa, aloumiñandome e compartindo lecturas comigo, as amigas, os días eternos nas praias, os primeiros amores… 

«Nun contexto de retrocesos reaccionarios, precisamos máis que nunca dunha literatura que se posicione e que se atreva a nomear o que doe.»

Aínda que vivise en diferentes lugares de China, de Italia ou en Compostela, Marín está sempre presente como punto de retorno, como porto emocional. Ese vínculo co territorio aparece de forma máis ou menos explícita, pero sempre está, porque as estrías que nos marca a infancia son indelebles.

DM: Sabes que hai moito traballo por diante, de feito, diría que incluso máis polo retroceso actual a nivel mundial. Ten a literatura o deber de exercer como canle ante as inxusticias e demandas sociais?
Andrea Nunes: Non sei se a literatura “ten” un deber, mais eu si escribo coa convicción de que a palabra pode ser ferramenta de denuncia e de cambio. A literatura non substitúe á acción política, pero acompáñaa, dá memoria, dá nome, dá imaxinación. Nun contexto de retrocesos reaccionarios, precisamos máis que nunca dunha literatura que se posicione e que se atreva a nomear o que doe.

DM: Ser mestra de secundaria paréceme unha responsabilidade moi grande, pero tamén a oportunidade de ollar o futuro máis inmediato da nosa sociedade. Es optimista coas xeracións vindeiras?
Andrea Nunes: Son realista e, á vez, teño esperanza. Vexo moitas dificultades: a presión do consumismo, a precariedade, a desinformación. Pero tamén vexo mocidade valente, con capacidade crítica, con sensibilidade cara ás diversidades. A aula ensíname cada día que non podemos desistir, porque o futuro está a ser escrito agora mesmo polas mans e voces do alumnado.

«A escritura é un camiño colectivo, aínda que se faga en soidade.»

DM: Que tipo de suxestións lle darías aos escritores e escritoras que están comezando ou que non se atreven a facelo?
Andrea Nunes: Diríalles que escriban sen medo, que non esperen a estar seguras do todo, porque nunca o estaremos. Que busquen a súa voz, sen imitar o que xa existe. Que se rodeen de persoas que as apoien e que se atrevan a compartir a súa escrita, aínda que sexa en círculos pequenos. A escritura é un camiño colectivo, aínda que se faga en soidade.

«…o futuro é sempre incerto, pero a palabra vai seguir sendo o meu lugar de encontro e de resistencia.»

DM: Para rematar, cales son os teus plans de futuro?
Andrea Nunes: Agora mesmo quero acompañar o camiño de Mapa da estría, compartir este libro coas lectoras e cos espazos que o acollan. E seguir escribindo, porque hai proxectos que xa están a xermolar, entre outros a coordinación xunto con Leticia Castro do primeiro volume contra a Gordofobia de Galiza, que sairá, esperemos, para fináis de ano.

E quen sabe que virá despois! o futuro é sempre incerto, pero a palabra vai seguir sendo o meu lugar de encontro e de resistencia.

DM: Que nos podes contar do teu último poemario Mapa da estría?
Andrea Nunes: Mapa da estría é un libro que nace das marcas, das fendas que deixa a vida nos corpos e nas emocións. É un poemario escrito desde a experiencia dese desprazamento (xeográfico, vital, afectivo) e que tenta facer unha cartografía do que queda en nós despois das perdas, das migracións, das linguas cruzadas e dos encontros. As estrías son metáfora dese proceso: marcas visibles, memoria dun cambio, pegadas que non se borran e que se converten en parte da beleza e da forza do corpo. É tamén un libro profundamente político, porque entende o corpo como territorio de resistencia, e o amor e os coidados como formas de loita e de comunidade.

Sen dúbida a autora de Marín, mostra un compromiso, loita e firmeza tan precisa en tempos onde a política, pero especialmente a sociedade, parecen retroceder en materia de dereitos humanos. O seu sorriso e a forza das súas palabras son os seus selos distintivos.

Premios, Follas Novas e Lingua de Ouro

A súa poesía é encarnada e política, cunha voz que entrelaza o íntimo e o colectivo, e que entende o corpo como territorio de memoria, resistencia e creación.

  • Premio Lingua de Ouro (Queremos Galego Marín, 2012)
  • Premio Follas Novas do Libro Galego á obra de divulgación (2024)

Na súa obra destacan Corrente do esquecemento (Aturuxo, 2007), Todas as mulleres que fun (Corsarias editoras, 2011), Diáspora do amor balea (Editorial Caldeirón, 2018), coautora xunto con María Rosendo, Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas), Esta disidencia que habitamos (Librefeminista, 2023), antoloxía bilingüe galego-castelán en diálogo coa obra de Renée Vivien, Mapa da estría (2025, Chan da Pólvora / colección Rabo de Egua), o seu libro máis recente, no que corpo, afectos e migracións se entrecruzan nunha cartografía poética da resistencia.

Como obra ensaística e colectiva sobresae a participación en Nós, xs inadaptadxs. Representações, desejos e histórias LGBTIQ na Galiza (2020), Coordinación, xunto con Ánxela Lema, de Tecermos redes, crearmos comunidade. Estudos sobre a obra de María Reimóndez (2020), O cento voando. Amores, desexos e non monogamias (2024), tamén con Ánxela Lema, gañador do Premio Follas Novas do Libro Galego á obra de divulgación.

Juan José Lada Vilariño

Juan José Lada Vilariño

🎭 Director Adjunto de Diario Marín
🎓 Graduado en Relaciones Laborales y Recursos Humanos – UDC
📚 Máster en Prevención de Riesgos Laborales y Comunes – UDC
💼 Técnico Superior en Administración y Finanzas – IES Terra de Trasancos
🔧 Técnico en Electromecánica de Vehículos – CIFP Ferrolterra
✍ Autor de "El tesoro de Artabria"; "Las minas de Santa Comba"; "El oro de Himmler" y "Sin prueba aparente" 📖

Deja un comentario

Don't Miss