Alberdi, tradutora ao éuscaro da novela do vilalbés Agustín Fernández Paz O único que queda é o amor, reúne neste seu «Cando sexades pequenos» (Kalandraka) unha retahila de momentos da historia das nosas crianzas no seu día a día.
A autora subtitula este libro como “Conto para contarlles aos maiores antes de durmir” dun xeito moi axeitado, porque nas súas páxinas podemos atopar unha sabia e prolongada metáfora do que é a vida dos maiores á vista dos pequenos, e para que engañarnos, dos non tan pequenos.
A infancia é un tempo de ledicia, pero como adoita acontecer na realidade dos adultos, non somos conscientes do que temos ata que o perdemos. Este conto de Alberdi e Akerreta, incluido na colección Demademora da editorial Kalandraka, é un recordatorio de todo aquilo que tiñamos na infancia e que perdemos co remate desta.

O trazo lene das ilustracións de Akerreta
O traballo e as súas responsabilidades non existían cando podíamos saltar nas pozas nos días de choiva e incluso deixar que as pingas nos mollaran mentres tratábamos de beber a súa auga fresca. Esas escenas que en trazos de lapis de cor ilustra co seu trazo suave Aitziber Akerreta, como se de láminas infantís se tratase.
As relación sociais tampouco tiñan ninguna complexidade, non tiñamos que discutir senón desfrutar dos xogos e ir recoller amoras coa xente que apreciábamos. E se non atopabamos interlocutor os animais sempre eran unha boa fonte de conversacións… a dúas bandas!

O tempo que transcorría paseniño…
O tempo da infancia era infinito e se non o era, faciamos que o fóra, xa que nada nos preocupaba, nin os espazos, inventabamos fiestras ao mar e o sitio máis pequeño era para nós un recuncho enorme…
Non tiñamos que sabelo todo, porque eramos nen@s e que nen@ sabe todo? A vergoña? Que era iso? Non existía! Eramos nen@s e podíamos rir ou chorar sen que ninguén se preocupase e para arranxalo, comer torta canta quixeramos…

O mundo dos adultos pasou das cores, que pinta Akerreta no libro, ao gris das personaxes adultas, que aparecen no conto representadas en tonos grises, porque así acaban sendo moitas persoas cando chegan á vida adulta. Este libro, cheo de matices que dan para moita reflexión, fainos pensar seriamente nunha pregunta: Ula nosa infancia?
Por iso, hoxe e mirando atrás, ás veces e con toda a realidade que Uxue Alberdi reflexa neste “Cando sexades pequenos” – orixinalmente publicado en vasco– quereriamos ser cativiñ@s… E cando isto acontece, xa estamos casi a nos dar conta de que eses/as que agora o son, algún día voltarán tamén a vista atrás e verán en nós o que eles/as sen dúbida, un día tamén foron.
