Máis cinema! MAC Marín comezou

Este mércores comezou a Mostra do Audiovisual e Cinema de  Marín, o MACM. Na xornada do xoves, os eventos do festival trasládanse á Casa de Cultura de Santomé, pola tarde á Casa de Cultura de Seixo e á noite ao hotel Villa de Marín con proxeccións de curtametraxes.
21 de agosto de 2025
3 minutos de lectura
MACM Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín. 1ª Jornada. Reportaje fotográfico: JLG Portela.

Este mércores comezou a Mostra do Audiovisual e Cinema de  Marín, o MACM, que é o novo nome do que antes foi o John Balan Fest, do que conserva a imaxe do sombreiro de “cowboy” e os Premios John Balan en memoria do noso vaqueiro local nado en Montecelo (Seixo).

Con esta nova identidade, mais sen esquecer as raíces, que mellor xeito de comezar o MACM que cunha exposición fotográfica sobre o “Curro de Gagán” na que a Lucía Otero retratou a aloitadores e bestas nunha serie de impactantes imaxes onde o cabalo e o protagonista. Despois de visitar a mostra e sen saír do Museo Municipal Manuel Torres, esta xove fotógrafa de La Región falounos do seu traballo e da súa presente actividade cubrindo para o xornal ourensán os lumes na provincia.

Un veterano colaborador do festival, o marsellés Joël Bassaget, achegou á audiencia as tendencias actuais no mundo das webseries dende a súa faceta de creador da “Web Series World Cup”. Unha liga na que o noso festival marinense foi convidado a participar o ano pasado e que lle permitiu estar en contacto con creadores de todo o mundo, polo que para esta edición do MACM houbo que facer unha selección entre o máis de un milleiro de producións que se inscribiron.

Joël Bassaget e o director do MAC Marín, Dani Antelo. Foto: JL Portela

Ao mediodía chegou a quenda para falar das webseries galegas cunha charla coas creadoras de “Delirio Sketchs” (2022), una webserie queer de tres episodios en clave de humor. Quince minutos de sketchs que vai presentando “Mercedes Pezón”, encarnada pola drag pandereteira Meiga-i, hoxe na pel de Javi.  Ao seu carón, Iris Justo, produtora coa que compartiu a tarefa de explicar o contido da serie que guioniza e dirixe Bea Saiáns e os traballos para financiala con crowdfunding.

Creadoras de «Delirio sketchs». Foto: JL Portela

Dende o Brasil, un paulista de Rio de Janeiro, Fabio Guimarães, achegounos a webserie “60 nos caminhos”, da que se proxectaron 3 episodios. Pasados os 60, este antigo mariño, decidiu comezar a ter novos proxectos de vida e facer en bicicleta o Camiño de Santiago pola vía portuguesa. Unha aventura que compartiu coa súa muller e co mundo a través dos vídeos que gravou.

Deste xeito rematou a xornada de mañá. Para a tarde, estaba programado no espazo do Parque Azul de Cantodarea a proxección de varias webseries, pero un problema técnico obrigou a pospolas para as nove da tarde onde se desfrutarían no cine ao ar libre que se montou no parque.

Así e todo, houbo tempo para falar desas producións coas súas creadoras. A marinense Belén Puime presentou “Pringadas”, que se pode atopar na plataforma da CRTVG. Despois dela, chegou o tempo para unha charla arredor de “Ecos dun verán” de María Rego e Alex Tajuelo. O xa mencionado Joël Bassaget, sumouse á charla para dar consellos de como distribuír unha webserie nos festivais.

Para falar de “E logo quen foi?” (Teresa Barberena) chegou a Marín a actriz e presentadora Cristina Maró, que foi productora da serie e na que tamén fai un papel. Logo dela, Javi e Iris voltaron falar de “Delirio Sketchs” para o público vespertino.

Xa pasaban das seis da tarde cando chegou o agardado creador de contido Rogelio Santos Queiruga para falar das especies no noso ecosistema mariño e de moitos outros temas do seu labor como mariñeiro e divulgador nas redes. Unha interesante e longa conversa con Dani Antelo, director do festival e que rematou cunha quenda para as preguntas do público.

O creador de contido Rogelio Santos Queiruga e o director Adrián Porima. Foto, JL Portela

A partires das nove reprogramouse a exhibición das webseries da tarde e despois das dez da noite comezaba o tempo para a sección “Filmes atlánticos. Selección oficial de curtametraxes”. Neste espazo programáronse dúas curtas, seguidas de coloquio cos autores.

O marinense Adrián Porima presentou “Nas ondas do tempo”, un filme protagonizado polo seu avó que, xunto coa avoa, acompañou ao director no festival.  A segunda curta programada para a noite foi “Abellón” de Fon Cortizo.

O director Adrián Porima e o seu avó, protagonista da curta «Nas ondas do tempo». Foto: JL Portela.

Mentres todo isto acontecía, no exterior xa ían rematando a instalación dunha pantalla de 6 metros e o sistema de imaxe e son para a sesión de noite na que se proxectaría a longametraxe documental “Salvaxe, Salvaxe” de Emilio Fonseca. Este filme forma parte do Ciclo Mestre Mateo.

Na xornada do xoves, os eventos do festival trasládanse á Casa de Cultura de Santomé, pola tarde á Casa de Cultura de Seixo e á noite ao hotel Villa de Marín con proxeccións de curtametraxes.

José Luis García Portela

José Luis García Portela

📸 Reportero gráfico independiente
✍️Director de la Sección Marín y Parroquias en Diario Marín
💻📊 T.E. en Informática de Gestión

Deja un comentario

Don't Miss