Actualmente Oliveira é doutorando na Universidade de Santiago de Compostela, cunha tese titulada “Procesos estruturais electroacústicos en Enrique X. Macías”, dirixida pola profesora Montserrat Capelán e codirixida por Jorge Variego na University of Tennessee, e é a través dela que leva anos difundindo a obra e o traballo do músico vigués Enrique X. Macías.
A casualidade do seu encontro con Macías
O encontro co legado de Macías foi case casual, conta: na súa volta a Galicia buscaba obras electroacústicas de autores galegos para incorporar ao seu repertorio e deu co compositor vigués. A partir de aí comezou un proceso de investigación que derivou nun proxecto vital: catalogar, dixitalizar e contextualizar unha obra de enorme valor patrimonial pero insuficientemente difundida. Como el mesmo salienta: «Macías non só abriu un camiño estético, senón tamén institucional, ao conseguir programar repertorio de vangarda en Vigo nos anos setenta e oitenta».

A labor de Oliveira abrangue múltiples frontes. Por unha banda, a recuperación de materiais dispersos en arquivos de Portugal, Finlandia ou Polonia. En Helsinki, na Sibelius Academy, estudou os procesos de sinal analóxica aplicados ás partituras gráficas de Macías.
En Cracovia e Varsovia investigou a súa estadía no Studio Muzyki Elektronicznej, no contexto da Lei Marcial polaca, onde compuxo pezas como Lied für María (1982), baseada en principios fractais e considerada unha das súas obras electroacústicas máis destacadas.


Parte da investigación de Roberto Oliveira levouno a Cracovia
Tamén en Lisboa accedeu a documentación inédita e colaborou coa comunidade internacional para recuperar gravacións e partituras que corrían o risco de perderse.
Concertista en distintas orquestas nacionales
A carreira artística de Oliveira abrangue concertos como solista, con ensembles e orquestras como a Real Filharmonía de Galicia, Orquesta Sinfónica de Galicia, Orquesta Reino de Aragón, Orquesta Sinfónica de Euskadi, Orquesta Sinfónica de Extremadura, Orquesta Sinfónica de Navarra, Orquesta Ciudad de Granada, Orquesta Sinfónica de Castilla y León, Orquesta Sinfónica del Principado de Asturias, Orquesta Filarmónica de Gran Canaria e a Orquestra Simfónica de Barcelona i Nacional de Catalunya, ademais de festivais internacionais e outras orquestas europeas. É tamén compositor e produtor, con tres discos en solitario publicados: Pparafusxo (2010), Diáspora (2017) e Argana. Estrutura rítmico espiñal (2020).


Oliveira é percusionistas en múltiples orquestas españolas e europeas
Cofundador da produtora ONME Xestión Cultural, integra o grupo de investigación Organistrum da USC e colabora co CESEM da Universidade Nova de Lisboa. En 2018 foi recoñecido cos Premios Martín Códax da Música.
A relación de Oliveira con Pontevedra é dobre: pola súa orixe, como fillo de Salceda de Caselas, e polo seu compromiso coa proxección do patrimonio musical galego. Non é casual que moitos dos seus proxectos se presenten primeiro en escenarios galegos, como o seu último disco ou o concerto didáctico estreado en Mos. Para el, falar de Macías en foros internacionais é unha responsabilidade e un acto de orgullo, pois significa levar a música galega alén das nosas fronteiras, poñendo en valor unha tradición de vangarda que non sempre tivo recoñecemento no país.

Difundindo a obra de Enrique X. Macías nos EEUU
Ao mesmo tempo, Oliveira está comprometido coa difusión. A súa conferencia na University of Tennessee significou a primeira vez que a música de Enrique X. Macías soase nun espazo académico dos Estados Unidos, nun xesto simbólico de internacionalización dun legado que en Galicia segue a ser pouco coñecido. Tamén desenvolve proxectos didácticos como Elektronik Kontainer, dirixido a alumnado de secundaria, onde combina percusión, manipulación electrónica e imaxe visual para achegar a música contemporánea á mocidade.

Con rigor académico e vocación divulgativa, Roberto Oliveira estase a converter no principal mediador entre a figura esquecida de Enrique X. Macías e o presente. O seu traballo garante que a obra do compositor vigués non quede nunha nota ao pé da historia musical, senón que se recoñeza como o que foi: unha das achegas máis innovadoras e transgresoras da Galicia contemporánea.