Trátase do terceiro ano consecutivo deste proxecto singular, que non se define como un chiringo ao uso, senón como “un espazo diferente, tranquilo, pensado para a arte, para os artistas e para quen quere desconectar do ruído”, explica Luis Outeiro, o impulsor da iniciativa.
Trala renovación da licenza, A Escondidinha regresa mantendo a súa esencia. Está situada nun lugar illado, cunha pequena caliña, zona verde e moita paz, xusto como suxire o seu nome. “Non é un lugar para grandes aglomeracións nin para música estridente. Aquí os paxariños tamén queren piar e acompañar as melodías. Ese é o espírito”, afirma Luis, que leva estes anos construíndo o espazo con coidado e moita paixón.

Programación musical na apertura desta fin de semana
A apertura oficial será esta fin de semana:
- O sábado 12 de xullo, a partir das 20.00 horas, celebrarase unha pinchada a cargo do DJ pontevedrés Aner que xa participou noutras edicións e que traerá unha sesión pensada para moverse, pero sen romper a harmonía do lugar.
- O domingo 13, a partir das 20.00 horas, chegará o prato forte cun concerto acústico do músico brasileiro Deo Martins, residente artístico desta tempada. A súa proposta inclúe bossa nova, forró e Música Popular Brasileira (MPB), perfecta para deixar que o ambiente fale tamén a través da música.
Luis insiste en que el non se considera protagonista: “Eu son só un gregario, un obreiro do espazo. Os verdadeiros protagonistas son os artistas. Eu limítome a abrirlles un lugar onde poidan presentar o que fan, onde se sintan acollidos. Algúns están empezando, outros levan máis tempo, pero todos teñen algo que dicir.”
Apostando polas colaboracións artísticas e as jams
Ademais das actuacións musicais, A Escondidinha abrirá as portas este verán ao cine ao aire libre, clases de ioga, danza e propostas de folclore da man de Marcelo, outro dos músicos que para na Escondidinha. Como novidade, haberá jam sessions impulsadas por Deo Martins, co obxectivo de fomentar a participación de artistas novos ou xa en activo. “Queremos que se coñezan, que compartan, que xurdan cousas inesperadas. Ao final, isto vai de crear comunidade, de facer cousas xuntos”, sinala Luis.

O espazo tamén contará con opcións para petiscar e beber, sempre cunha filosofía sostible e próxima. A Escondidinha volve así ser ese lugar que, máis que un bar, é un refuxio artístico aberto ao mundo, pero escondidiño. Como debe ser.