O ciclo dedicado a Álvaro Gago e ao universo Matria, na Biblioteca

O ciclo dedicado ao cineasta galego Álvaro Gago terá lugar os vindeiros xoves 18 e venres 19 de xuño na Biblioteca Municipal Vidal Pazos de Marín. Ambas sesións darán comezo ás 20:00 horas e serán de balde, abertas a todo o público ata completar aforo.
15 de junio de 2026
2 minutos de lectura
Daniel Antelo, director del Cineclub Marín

A sesión do xoves 18 estará centrada na proxección da longametraxe Matria (2023) e contará coa presenza do seu director, Álvaro Gago. Ao remate da proxección, o cineasta participará nun coloquio co público asistente no que compartirá detalles sobre o proceso de creación da obra, anécdotas da rodaxe e aspectos relacionados coa construción de Ramona, a protagonista do filme, interpretada por María Vázquez.

Pola súa banda, o venres 19 proxectarase a curtametraxe Matria (2017), obra que deu orixe ao posterior desenvolvemento da longametraxe. Tras a proxección, Marín de Cine realizará unha análise sobre a evolución do proxecto, abordando a transformación da historia desde o formato curto ata a súa expansión como longametraxe.

Aínda que Matria xa foi proxectada anteriormente en Marín en diferentes contextos, esta será a primeira vez que o propio Álvaro Gago visite a vila para presentar e comentar a súa obra máis recoñecida. Trátase dunha oportunidade singular para que o público poida coñecer de primeira man o proceso creativo dun dos autores máis destacados do cinema galego contemporáneo.

Biblioteca Pública Municipal "Vidal Pazos". 30-9-2025
Biblioteca Pública Municipal «Vidal Pazos».
Foto: JLG Portela

Esta actividade servirá ademais para pechar as sesións do Cineclub Marín antes do período estival. As proxeccións retomaranse despois do verán coa continuación da programación na que o cineclub seguirá traballando para que este tipo de iniciativas poidan ter cabida no Auditorio Municipal.
Neste sentido, Marín de Cine destaca a boa acollida que está a recibir o proxecto, que xa conta cos seus primeiros abonados e abonadas, unha mostra do interese existente por esta iniciativa.

A asociación lembra que non recibe achegas económicas do Concello para
o desenvolvemento do cineclub, pero si considera importante que o cinema teña presenza dentro da programación cultural do Auditorio Municipal, do mesmo xeito que acontece noutras localidades da contorna como Bueu, Cangas ou Pontevedra.

Sobre Matria

Matria retrata a vida de Ramona, unha muller dunha vila mariñeira galega que loita por saír adiante entre responsabilidades familiares, dificultades laborais e unha rutina marcada polo esforzo constante. A través dunha interpretación extraordinaria de María Vázquez, Álvaro Gago constrúe unha historia profundamente humana sobre a dignidade,
os coidados e a procura dun espazo propio.

A curtametraxe Matria (2017) acadou unha extraordinaria proxección internacional tras gañar o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance e ser nomeada aos Premios Goya. A súa posterior adaptación á longametraxe (2023) estreouse na Berlinale, obtivo a Biznaga de Prata á Mellor Actriz para María Vázquez no Festival de Málaga e recibiu dúas
nominacións aos Premios Goya 2024.

A evolución entre ambas obras constitúe un dos aspectos máis interesantes do ciclo. Mentres a curtametraxe ofrece un retrato concentrado da realidade da súa protagonista, a longametraxe amplía ese universo para explorar con maior profundidade os conflitos, relacións e dimensión emocional de Ramona, converténdoa nun dos personaxes femininos máis relevantes do cinema galego recente.

PROGRAMA
Xoves, 18 de xuño
MATRIA (longametraxe, 2023)
20:00 h
Introdución e proxección da longametraxe por parte do director.
21:45 h
Charla-coloquio: Análise sobre as personaxes femininas na filmografía de Álvaro Gago.
Nesta sesión abordarase a representación da muller traballadora, os coidados, as relacións familiares e a construción das personaxes femininas que articulan o universo cinematográfico do director.

Venres, 19 de xuño
MATRIA (curtametraxe, 2017)
20:00 h
Introdución e proxección da curtametraxe por parte de Marín de Cine.
20:30 h
Charla-coloquio: Análise sobre a evolución cinematográfica de Matria da curta á longa.
Un percorrido pola transformación do proxecto desde a curtametraxe de 2017 ata a longametraxe de 2023, analizando os cambios narrativos, estéticos e dramáticos que permitiron ampliar o universo da protagonista.

Diario Marín

Diario Marín

Web Master

Deja un comentario

Don't Miss