Grazas á nova redacción legal da Lei do Patrimonio Cultural, as entidades locais “poderemos autorizar intervencións menores para axilizalas”, o que aumenta a rapidez na xestión e dá resposta ás necesidades da cidadanía, dixo onte a Alcaldesa de Marín, María Ramallo. Ademais, «garántese o cumprimento de prazos de execución cando os Concellos impulsan proxectos que dependen de fondos externos».
Ramallo valorou de forma moi positiva a modificación da Lei impulsada pola Xunta de Galicia. “A clave de todo é axilizar”, asegurou a rexedora marinense, “mantendo sempre o rigor na protección patrimonial dos elementos que teñen interese cultural”.
Concellos, pequenas intervencións
Coa modificación da lei, os propios concellos poderán ser os que autoricen pequenas intervencións nas que haxa afectación, como limpezas de fachadas, renovación de pavimentos ou reparación de vías, entre outras.

“Ese é o día a día dun concello”, asegurou a alcaldesa, que insiste en que o que se está ganando é “tempo e axilidade para a cidadanía, que antes non entendía como unha actuación na súa propiedade podía verse paralizada tanto tempo debido á inxente cantidade de traballo que tiña o departamento autonómico».
«Con este cambio normativo, repartimos o traballo, respondemos con máis rapidez ás demandas da cidadanía e impulsamos así o desenvolvemento local”, argumentou. E todo isto “garantindo en todo momento a protección do Patrimonio, que é o que nos une a todos”, sinalou a rexidora.

Axilización burocrática
A nivel de inversión pública, a alcaldesa falou tamén os grandes beneficios que supón a axilización burocrática: “Os concellos dependemos moito a nivel de inversión de subvencións e fondos doutras administracións, que teñen prazos de execución claros. Moitas veces, pola demora das autorizacións podíamos entrar en risco de perder esas inversións e é unha pena, porque moitas precisamente están orientadas a mellorar e conservar o noso patrimonio e ata agora complicábase sobremaneira”.

Ramallo finalizou, por tanto, agradecendo á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que introduza unha modificación na que “os concellos nos sentimos escoitados e que responde ás necesidades reais que temos”.
BNG, Patrimonio Arqueolóxico
Neste sentido, Lucía Santos considera necesario concorrer á convocatoria do programa estatal do 2% Cultural iniciativa suporía unha oportunidade clara para protexer, divulgar e facer accesible un patrimonio único, ao tempo que se impulsa un modelo de desenvolvemento cultural e turístico sustentábel para Marín.

O BNG de Marín levou á Comisión Informativa de Promoción Económica e Patrimonio, o pasado 29 de decembro, unha proposta para que o Concello concorra á convocatoria do programa estatal do 2% Cultural, impulsado polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, co obxectivo de financiar actuacións de conservación e posta en valor do patrimonio histórico.
Ben de Interese Cultural
A convocatoria, publicada no Boletín Oficial do Estado o pasado 10 de decembro de 2025, está dirixida a bens inmobles declarados Ben de Interese Cultural (BIC) ou situados na súa contorna, e ten aberto o prazo de presentación de solicitudes até o 18 de febreiro de 2026. Neste contexto, a portavoz Lucía Santos, lembra que Marín conta cun importante patrimonio arqueolóxico catalogado como BIC, entre o que se inclúen 15 estacións de gravados rupestres e unha mámoa, ademais de dispor dun Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico aprobado, o que sitúa ao concello nunha posición favorable para optar a estes fondos.

Santos considera que esta iniciativa suporía “unha oportunidade clara para protexer, divulgar e facer accesible un patrimonio único, ao tempo que se impulsa un modelo de desenvolvemento cultural e turístico sustentábel para Marín”. Desde o BNG instan ao goberno municipal a aproveitar esta convocatoria e presentar un proxecto rigoroso que permita acceder a estes fondos estatais e avanzar na conservación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico de Marín.