O poder da memoria en ICTUS, da compañía teatral Chévere

A partir da experiencia dun dano cerebral adquirido, a obra amplía o seu foco cara a unha análise política do esquecemento: igual que un ictus pode interromper o fluxo da linguaxe e da identidade, tamén un sistema pode provocar un “ictus histórico” nunha comunidade, interrompendo a transmisión do pasado.
2 de marzo de 2026
3 minutos de lectura
O elenco de ICTUS ao finalizar a función

ICTUS insiste na importancia das palabras. A linguaxe non aparece só como instrumento de comunicación, senón como soporte da identidade, expresadas de todos os xeitos posibles.

A importancia de todo está en que cando se deteriora a capacidade de nomear, prodúcese un baleiro que pode ser ocupado por un relato alleo. Nese sentido, a estrutura radiofónica, as acotacións orais permanentes e a presenza constante da narración funcionan como unha exploración da memoria en tempo real: o que non se di desaparece; o que desaparece corre o risco de ser substituído por algo que non foi.

A memoria, ademais, preséntase como selectiva. Cada individuo lembra de maneira distinta, pero o perigo xorde cando esa diversidade é substituída por unha versión única, oficial e interesada. A obra formula así unha advertencia: «todo pasado que se esquece pode ser reescrito segundo a conveniencia do poder».

Da escea elemental ao 3D

Escenicamente, a proposta opta por unha síntese significativa entre o elemental e o tecnolóxico: en lugar de reproducir escenarios realistas, os espazos onde suceden os feitos constrúense mediante pequenas maquetas plásticas en 3D, de cores vivas, que o locutor/narrador vai nomeando e situando co seu relato a través da súa pequena estación de radio.

Esa combinación de obxectos sinxelos e mediación sonora crea unha distancia consciente que evita o naturalismo e reforza a dimensión simbólica da obra. Ao mesmo tempo, estes dispositivos escénicos establecen paralelismos constantes entre pasado e presente: os lugares da memoria histórica e os espazos contemporáneos conviven nun mesmo plano visual, subliñando que o que foi non está clausurado, senón que continúa proxectándose sobre o agora.

O esquecemento como estratexia política

Un dos eixos centrais da proposta é a necesidade, para determinados discursos hexemónicos, de facer esquecer á poboación quen loitou pola terra, quen defendeu dereitos e quen foi vítima da represión. O esquecemento non é aquí un accidente, senón unha estratexia.

A revisión do xuízo sumarísimo contra Alexandre Bóveda evidencia como a memoria pode manipularse desde a súa propia orixe documental. Nun proceso militar rápido, sen garantías e no que nin sequera se menciona o golpe de Estado, constrúese unha verdade oficial que invisibiliza as causas e deshumaniza a vítima. A repetición literal dos testemuños no sumario subliña a fabricación dun relato unívoco. Ao quedar por escrito, esa versión aspira a converterse en memoria definitiva.

A obra establece un paralelismo entre ese procedemento histórico e as dinámicas contemporáneas de postverdade: acomodar o recordo do vivido permite manexar os “cerebros” colectivos, igual que unha lesión altera o funcionamento do cerebro individual.

A Derradeira lección do mestre: a invisibilización de Bóveda

A presenza de Castelao introduce outra dimensión da memoria cultural. A análise arredor do cadro A derradeira lección do mestre pon de relevo como a omisión pode ser tan significativa como a palabra pronunciada. Cando se reduce a obra a un símbolo xeral —“defensa do ensino en valores”, “patrimonio de todos”— pero se evita nomear explicitamente a figura de Bóveda e o seu asasinato, o 17 de agosto na Caeira (Poio), prodúcese unha forma de esvaecemento simbólico.

Non mencionar a quen foi asasinado, non contextualizar a violencia que impregna o cadro —o neno mexado, o sangue fresco, o cheiro a pólvora— implica desactivar a súa carga política. O cadro convértese entón nun obxecto cultural neutro, susceptible de usarse como moeda de cambio discursiva. A memoria incómoda é substituída por unha versión edulcorada e asumible. O paralelismo entre a chegada do cadro a Galiza e os restos de Castelao, coa figura presente dos catro mariñeiros de Rianxo, supón o marco perfecto para entender a idea de que como Bóveda, Castelao tamén é noso.

Humor, retranca e crítica

A crítica institucional desenvolvida na obra, incluíndo a caricaturización de figuras políticas actuais como o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez ou o expresidente de Galicia Alberto Núñez Feijóo, insírese nunha tradición de sátira que emprega o humor e a retranca como ferramentas de análise. A risa non funciona como trivialización, senón como mecanismo de revelación: expón o baleiro dun discurso incapaz de asumir a complexidade histórica.

Unha metáfora poderosa

ICTUS constrúe unha metáfora poderosa: do mesmo xeito que o dano cerebral pode roubar palabras e fragmentar a identidade, tamén as comunidades poden sufrir procesos de esquecemento inducido que alteren a súa conciencia histórica. Facer esquecer quen loitou pola terra, quen foi represaliado e quen sostivo unha causa colectiva non é un feito inocente; é unha operación de poder.

Ao recuperar nomes, documentos, voces e contradicións, a obra reivindica a memoria como exercicio crítico, coma un xeito de exhumación dos restos da memoria verdadeira, tal e como se simula en escea.

Non se trata de fixar un pasado inmutable, senón de impedir que o silencio imposto substitúa a realidade. Porque como eles/as mesm@s nos lembran, «cando a memoria se acomoda ao interese, o que se perde non é só o recordo é a capacidade dunha sociedade para comprender quen é e de onde vén».

Cristina Corral

Cristina Corral

📚 Directora Adjunta y Cultura de Diario Marín
🎓Periodista (UCJC)
🎓Licenciada en Hispánicas (USC)
👩‍🏫Graduada en Educación Primaria (UCJC)
🇬🇧 Cursó estudios de Filología Inglesa (UDC)

📰 Trabajó como periodista en: El Progreso (Lugo) y Europa Press (Madrid).
🎬Fue guionista en Netex Learning

👩‍💼Subdirigió la Revista Foeminas de la Casa de la Mujer (Concello de Lugo)
🎨Fue coeditora del magazine cultural A Revolta .
👩‍🏫 Ejerce como profesora de secundaria de Lengua y Literatura Española

📝Colabora con diversas revistas como Xistral o Trasluz 📖 y escribe cuentos infantiles 🧒y poesía para adultos📜
🗞️ Se pueden leer sus artículos periodísticos en medios como Galicia Digital, Sermos Galicia, Plaza Pública o Galicia Confidencial.

📻 Desde 2017 codirige el proyecto ESPORA (Escolas pola Radio) 🎙️ y en la actualidad es la Directora Adjunta de Diario Marín (Pontevedra) 🏙️.

📚 Bibliografía: https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/cristina-corral-soilan/obra

Deja un comentario

Don't Miss