Por MAV Alonso
Ninguén sabe medir o valor dun recordo. Pero ao regresar a el, revivimos todo o que empapou a nosa pel daquela. Pablo Vila é máis que un poeta, novelista, cantautor e músico, é fiador de soños, enredador do medo, metrónomo das emocións. Atopo nas súas letras a mestura perfecta entre a calidez dunha aperta, a luminosidade dun ollar pausado e a dentellada dun animal ferido.

Isto brota entre as páxinas de Os Fillos da Memoria. Unha colleita frondosa e sublime de feitos, lugares e persoas que poboaron a infancia da súa nai, alá polos anos da posguerra, nunha pequena aldea galega. Un val cheo de bruma polo que transitan cativos de ollos curiosos, mulleres valentes, homes inocentes no lugar errado, familias respirando un aire que a ratos vai lixeiro e a ratos lanza dardos.
Galicia impregna as letras de Vila, coa sonoridade da morriña, co folclore
ancestral máis inquietante, coa beleza dos seus bosques de piñeiros e
carballos, coa sensibilidade dunha terra fértil, xenerosa, agradecida.
Os Fillos da Memoria non se esgota nunha primeira lectura. Require atención e pausa, perderse nun fondo que non se ve de primeiras, pero que latexa no corazón do autor e da súa nai. Porque parte da súa maxia xace na conexión íntima, no amor profundo, no sentimento inmenso que os une a ambos, facendo da súa lectura un agasallo inesquecible. “Chove lento, chove miúdo, é coma un chover detido; en nesa poalleira semella
desfacerse o cincento ceo nunha voaxa de graos lixeiros” (Os Fillos da
Memoria, Pablo Vila)