Durante dous días, a Boa Vila transformouse nun grande escenario onde tradición, gastronomía, música e un aquel de maxia conquistaron tanto á veciñanza como aos milleiros de visitantes chegados de todas partes.



Música para animar a festa coa que Pontevedra da por pechado o verán. Fotos: JLPortela
A Feira Franca arrincou un ano máis o venres co pregón a cabalo. Un grupo de pregoeiros percorreu rúas e prazas anunciando a apertura. O son das súas voces e o ritmo das monturas converteron o centro histórico nun espazo de celebración compartida. Xa ao serán, a Praza da Ferraría iluminouse co espectáculo “As Meigas”, da compañía Pablo Méndez Performance, que envolveu ao público cunha posta en escena de lume, danza e simbolismo, evocando a forza ancestral das mulleres sabias perseguidas en tempos escuros.





Coloridos disfraces encheron as rúas e cada un dos recunchos da vila. Fotos: JLPortela
Pan recén cocido, viño novo e carnes á brasa

O sábado, o corazón histórico da cidade pechouse ao tráfico e encheuse de xentes e de mesas. O mercado medieval abriu as súas portas con artesanía, produtos de alimentación e tabernas improvisadas que deron arrecendo a pan recén cocido, viño novo e carnes á brasa. Polas rúas, bufóns, trobadores e grupos de música medieval fixeron rir e cantar a grandes e pequenos, mentres se celebraban torneos de cabaleiros na Praza de Touros, obradoiros de esgrima e tiro con arco, e procesións teatrais que lembraban o transporte do viño e outros oficios antigos.



Meigas e artesan compartiron escenario nesat edición da Feira Franca 2025. Fotos: JLPortela
As Meigas, unha homenaxe ao feminismo
As Meigas, fío condutor desta edición, estiveron presentes en lendas recitadas ao pé das fogueiras, en herbas e remedios amosados nos postos, e no aquelar estético que percorreu a cidade. A noite foi, coma sempre, o momento de maior intensidade: fachos e lanternas iluminaron as rúas e os grupos de música folk puxeron banda sonora a unha velada que moitos lembrarán como inesquecible.




Os saltimbanquis e os zancudos, así como os tambores animaron as rúas da Boa Vila. Fotos: JLPortela
Na Ponte do Burgo, como cada ano, as embarcacións tradicionais expoñíanse para que o público as pudiera visitar. O pobo de Marín estivo presente na festa co Choupán «Iria», da A.C. «Ronsel» de Seixo que lucía xunto coas demais.

A Feira Franca naceu hai máis de dúas décadas para lembrar o privilexio medieval que outorgara a Pontevedra o dereito a un mercado libre de impostos. Un ano máis consolidouse como un dos sinais de identidade da cidade. Na cidade do Lérez, esta fin de semana quedou xa escrita de novo coma un tempo de historia revivida e de maxia compartida.



A participación da xente que acude á festa disfrazada fai do día unha paleta enorme de cores. Fotos: JLPortela
Neste 2025, coa homenaxe ás Meigas, a celebración entrelazou historia e lenda, festa e memoria. Así, Pontevedra celebrouse a si mesma e á súa xente, deixando que o vento levara ecos de cántigas e que as súas rúas gardasen, por un intre, a pegada das mulleres que fixeron da sabedoría unha forma de liberdade.

Performances, actores, actrices, músicos/as e titiriteiros recrearon o medievo durante todo o día. Fotos: JLPortela