O persoal da construción da provincia de Pontevedra leva dende o 1 de xullo desfrutando da xornada continuada durante os meses de xullo e agosto. A medida, que estará vixente até o vindeiro 31 de agosto, busca mellorar as condicións laborais nun período especialmente marcado polas altas temperaturas, ao tempo que pretende favorecer a conciliación da vida laboral e persoal nun dos sectores máis esixentes no eido produtivo.
Trátase dunha mellora recollida no convenio colectivo provincial e da que, a día de hoxe, só se beneficia a provincia de Pontevedra dentro do territorio galego. Dende a Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG comentan que «esta conquista é froito da mobilización e do traballo sostido da central sindical, que conta coa maioría sindical no sector na provincia». Aseguran que levan máis dun ano loitando para facer realidade esta xornada continuada, á que cualifican como “unha conquista histórica para a clase traballadora da construción”.
A medida non só atende á necesidade de protexer a saúde das persoas traballadoras fronte ao estrés térmico habitual do verán, senón tamén responde á crecente demanda de condicións que permitan un mellor equilibrio entre a vida persoal e profesional. “Trátase, polo tanto, dunha medida integral de benestar laboral”, sinalan dende a central.
Estender as melloras ao conxunto de Galiza
A CIG avoga agora por estender este tipo de melloras ao conxunto de Galiza a través da creación dun convenio marco galego do sector da construción. A central defende que as condicións laborais deben definirse desde o propio país, sen imposicións externas. “Queremos un convenio galego que nos dea capacidade de decisión no noso país, e que non nos veña marcado dende Madrid con imposicións que non responden á realidade do sector aquí”, aseguran.
A diferenza con outras provincias galegas, onde as persoas traballadoras carecen desta medida por estar suxeitas a convenios estatais ou non contar cun propio, é unha situación que desde a CIG consideran inxusta e que debe ser combatida con ferramentas propias.
A central reafirma o seu compromiso cun modelo de negociación colectiva que respecte a realidade social e laboral de Galiza e que permita avanzar cara a mellores condicións de traballo.