Nos últimos cinco cursos aumentouse en máis dun 25 % o orzamento destas axudas. Este ano, a Xunta invistou un total de 145 millóns de euros, a través de axudas ás familias e aos alumnos en forma de apoios para a compra de material escolar e libros ou a matrícula universitaria gratuíta.
O presidente da Xunta visitou o Colexio SEI San Narciso en Marín, onde estudou, destacando que “volver ao colexio sempre ten algo especial” e que “cando pasan os anos dáste conta de que aquí aprendes cousas que te acompañan toda a vida”.
Alfonso Rueda deu a benvida ao novo curso escolar, que será o quinto curso consecutivo no que todas as escolas infantís serán gratuítas, e o terceiro no que ocorra o mesmo coas universidades públicas galegas. Deste xeito, Galicia volverá ter unha educación gratuíta desde o inicio ata o final, unha medida na que foi pioneira en toda España.
Rueda animou a todos os mozos a comezar este novo curso académico con ganas e a aproveitalo “non só para estudar, que por suposto, senón tamén para facer amigos, para descubrir o que vos gusta e ir atopando pouco a pouco o camiño que ides seguir na vida”.