A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Xunta de Galicia asinaron un acordo para mellorar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), tras un longo proceso de negociación no que os concellos viñan reclamando un incremento das achegas para cubrir o custo real do servizo.
O acordo establece unha subida progresiva do prezo por hora do SAF: 16 euros en 2026, 17 euros en 2027 e 18 euros en 2028, fronte aos 12 euros actuais, e inclúe a creación dunha comisión de avaliación que permitirá revisar os prezos nas futuras licitacións.
A sinatura tivo lugar na sede da Xunta coa presenza do presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e do presidente da FEGAMP, Alberto Varela.
Meses de negociación
En decembro pasado acadouse un acordo, referendado pola Comisión Executiva da FEGAMP, sobre a última proposta achegada pola Consellería de Política pola que se sube a 16 euros/hora de servizo en 2026, 17 euros/hora en 2027 e 18 euros/hora en 2028.
Tamén incorporaba a creación dunha comisión de avaliación dos novos prezos nas futuras licitacións do SAF, para posible unha revisión das achegas.
Este acordo ten como premisas para a FEGAMP seguir a reclamar que dende a Xunta e o Goberno cubran o custo do SAF en cumprimento da Lei de Dependencia, como tamén se recolle no texto do acordo. E ao mesmo tempo, tamén atende e palía a urxencia económica que están a padecer os concellos polos recursos que teñen que adicar ao SAF.
Alivio para os concellos
En declaracións, Varela cualificou o acordo de “necesario” e destacou que suporá “un alivio para as arcas municipais”, especialmente nos concellos máis pequenos, aínda que subliñou que a entidade municipalista seguirá a reclamar que a totalidade do custo do SAF sexa asumida pola Xunta e polo Estado, en cumprimento da Lei de Dependencia.
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que a Xunta inxectará 150 millóns de euros adicionais ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ata 2028, en virtude do acordo asinado entre a Administración autonómica e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Desta forma, sinalou que “Se tamén cumpre o seu parte o Goberno central probablemente poderíase cubrir todo o custo do SAF para que os concellos non tivesen que achegar nada”.