A Xunta Directiva do GALP Ría de Pontevedra vén de aprobar a proposta de resolución definitiva da convocatoria de axudas 2025. Tralo período de alegacións e unha análise detallada, realizáronse as correccións necesarias sobre varios expedientes, e a proposta final foi remitida á Consellería do Mar para a súa validación oficial.
Estes proxectos foron seleccionados segundo os criterios da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP e contribuirán a dinamizar a ría de Pontevedra grazas ao apoio do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura. Consulta a documentación
Asemblea da Rede Española de Grupos de Pesca
O GALP Ría de Pontevedra participou recentemente na asemblea da Rede Española de Grupos de Pesca (REGP), celebrada en San Cristóbal de La Laguna, en Tenerife, baixo o lema Unidos polo Desenvolvemento LocalParticipativo. Representaron ao grupo a presidenta, María del Carmen Vázquez Nores, e a xerente, Laura Nieto Zas, que tomaron parte activa nun encontro que reuniu a máis de cen representantes dos GALP de toda España.
Durante esta xuntanza, recoñeceuse como boa práctica o proxecto de cooperación Relevo Xeracional, liderado polo GALP Ría de Arousa e no que participou activamente o GALP Ría de Pontevedra, xunto con outros grupos galegos. A iniciativa tiña por obxectivo achegar o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola á mocidade a través do contacto directo cos centros educativos, informando sobre as saídas profesionais vinculadas ao mar e contribuíndo ao relevo xeracional no sector. Desde o GALP Ría de Pontevedra felicitamos ao GALP Ría de Arousa polo seu liderado desta iniciativa tan necesaria.
O encontro serviu tamén para reforzar a cooperación institucional, compartir experiencias e retos de futuro, ademais de poñer en valor o papel dos GALP como axentes clave na gobernanza local dos fondos europeos para o desenvolvemento sostible das zonas costeiras. Máis información sobre a sesión plenaria e os proxectos presentados