O BNG denuncia a saturación que sufre a liña de autobús Pontevedra–Marín–Bueu–Cangas, especialmente nas horas de maior demanda, e reclama á Xunta de Galiza e a Monbus que adopten medidas urxentes para garantir un servizo adaptado ás necesidades da veciñanza.
A formación nacionalista manifesta que nesta liña se producen situacións de saturación, con autobuses completamente ateigados e pasaxeiros que viaxan de pé en condicións de masificación.
Reforzo nas horas
Esta problemática xa foi trasladada ao pleno, polo grupo nacionalista, mediante unha moción na que reclamaba, entre outras medidas, o reforzo nas horas punta da conexión entre Pontevedra e Cangas, pasando por Marín e Bueu. A iniciativa foi rexeitada cos votos do PP, malia as dificultades que veñen denunciando as persoas usuarias.

Neste sentido, cómpre lembrar que recentemente Monbus reforzou o servizo Pontevedra–Marín, unha mellora que chegou tras as reiteradas reivindicacións da formación nacionalista e que demostra que é posible dar resposta ás necesidades das persoas usuarias. A formación xa solicitou tamén ao goberno local que faga seguimento da efectividade deste reforzo e avalíe a necesidade de ampliar os servizos noutras rutas e horarios con elevada ocupación.
«Se foi posible reforzar a conexión entre Pontevedra e Marín, tamén debe ser posible actuar na liña de Cangas, onde seguimos recibindo queixas pola falta de prazas. O transporte público ten que responder ás necesidades da xente, non obrigar a xente a adaptarse ás súas carencias», manifestou Lucia Santos, voceira municipal do BNG. Ademais, dende o grupo nacionalista, xa se puxo en coñecemento, a Paulo Ríos, deputado do BNG no Parlamento galego, esta problemática co obxectivo de impulsar medidas que dean resposta ás deficiencias e situacións de saturación desta liña.
Dito isto, a formación reclama á Xunta de Galiza e a Monbus que analicen a
ocupación real desta liña e incorporen os reforzos necesarios nos horarios de maior demanda. Así mesmo, insta ao goberno local a implicarse activamente na defensa das persoas usuarias e a esixir ás entidades responsables solucións efectivas ás deficiencias do servizo.