Armony-Outpick é unha aplicación que promete revolucionar o concepto de moda dixital. O galardón está dotado con 3.000 euros e recoñece a capacidade emprendedora e o talento tecnolóxico dos/das estudantes, coordinados pola profesora Eva Álvarez.
Armario dixital con IA
Esta app de armario virtual permite aos usuarios/as cargar as prendas da súa propia roupa e solicitar á aplicación a mellor combinación para cada ocasión. Ademais, o sistema amosa de forma visual “como quedaría” o conxunto escollido, incorporando tecnoloxías de recoñecemento de imaxe e intelixencia artificial para ofrecer suxestións personalizadas.
O proxecto chamou especialmente a atención da Directora Xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, durante o acto de entrega de premios celebrado este venres en Santiago de Compostela.

O talento da FP galega
O certame Eduemprende Idea, promovido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, ten como obxectivo impulsar o espírito emprendedor e a innovación entre o alumnado da Formación Profesional galega. Nesta edición, un total de 137 estudantes de 16 centros educativos foron recoñecidos polos seus proxectos creativos e pola súa capacidade para propoñer solucións novidosas con impacto real no seu contorno.

Segundo destacou o conselleiro Román Rodríguez no acto, “a creatividade e a iniciativa do alumnado demostran que a FP galega é un motor de innovación e desenvolvemento económico”. O titular de Educación felicitou persoalmente os gañadores e subliñou o papel fundamental dos docentes como guías e impulsores de proxectos que transforman ideas en oportunidades.
Innovación Chan do Monte
Para o IES Chan do Monte, este premio supón un recoñecemento ao traballo conxunto entre profesorado e alumnado, así como á aposta continua do centro pola innovación tecnolóxica e o emprendemento. O éxito de Armony-Outpick consolida ao instituto marinense como un referente na formación profesional galega, onde a creatividade, a tecnoloxía e a ilusión seguen sendo o mellor vestiario para o futuro.