A mesa redonda contou coa participación de Vanesa López, de Trisquelia Comunicación; Víctor Antón, de Gaias Eventos; Pablo Méndez, de Pablo Méndez Performances; e Andrés Lamosa, de PlayPlan. Un dos primeiros aspectos abordados foi a complexa planificación que require este tipo de proxectos.
Andrés Lamosa explicou que “desenvolver un festival pode levar un ano ou ano e pico, e no caso dos artistas ata dous anos”, e advertiu de que, malia a gran afluencia de público, “as ganancias non son tantas porque os custos son elevadísimos e, se vai mal, pódense perder moitos cartos”.
Alta demanda e colaboración entre empresas
Víctor Antón puxo o foco na forte demanda dalgunhas orquestras galegas, sinalando que Panorama chegou a crear Panorama City con numerosas actuacións xa pechadas. Como exemplo do éxito do sector, contou que a orquestra Los Satélites ten contratación asegurada ata o ano 2030. Pola súa banda, Vanesa López destacou a importancia da “competencia colaborativa”, asegurando que en moitos casos empresas dun mesmo sector únense para sacar adiante proxectos que repercuten positivamente nas cidades.
Financiación e novas estratexias de comunicación
En relación coa financiación, tanto Víctor Antón como Pablo Méndez coincidiron en que non reciben apoio público para os seus proxectos. Méndez ironizou ao afirmar que para optar a unha subvención cultural “parece que tes que ser deficitario”, mentres que Andrés Lamosa apuntou que presentar os eventos desde a óptica do turismo ofrece máis opcións de conseguir axudas.
(Ver en streaming a xornada neste enlace)
No ámbito da comunicación, Lamosa subliñou que hoxe “non só se anuncia un festival, senón que se incita a unha acción, como mercar entradas ou escoitar un artista”. Pablo Méndez destacou a eficacia das redes sociais, nas que leva investidos uns 30.000 euros, mentres que Víctor Antón explicou que as orquestras están a adaptar a súa comunicación a públicos máis novos a través de TikTok e Instagram. Con todo, Vanesa López lembrou que non todo o público está nas redes sociais, polo que medios como a radio, a prensa ou a publicidade exterior seguen a ser fundamentais.
Seguridade e impacto económico
A seguridade foi outro dos puntos clave do debate. Andrés Lamosa puxo como exemplo o concerto de Jennifer López en Pontevedra, no que se despregaron tres lanchas no río Lérez e se comprobou a estabilidade do terreo onde se montou o escenario. Pablo Méndez incidiu na importancia deste aspecto nos seus espectáculos acrobáticos, nos que contan con certificados para todos os materiais empregados.

Os relatores coincidiron en destacar o forte impacto económico dos eventos, que xeran emprego directo e indirecto e benefician sectores como a hostalería, o comercio ou o transporte. Vanesa López sinalou tamén que algúns eventos, como o triatlón de Pontevedra, non só dinamizan a cidade, senón tamén os municipios da contorna que acollen aos participantes.
O encontro foi organizado polo alumnado de 2º do Ciclo Superior de Asistencia á Dirección, moderado por Sergio Villar Pereira e Desirée González Feijoo, e contou por sexto ano co apoio do técnico José Aragunde e a colaboración desinteresada de Muebles Qka.