Pontevedra situouse en 2023 como a terceira provincia de España na exportación

Só por detrás de Barcelona, Madrid e Valencia, Pontevedra situouse en 2023 como a terceira de España pola proporción das exportacións sobre o PIB, cun 64,8%, fronte ao 33,5% rexistrado no ano 2000.
12 de octubre de 2026
2 minutos de lectura

Só por detrás de Barcelona, Madrid e Valencia, Pontevedra situouse en 2023 como a terceira de España pola proporción das exportacións sobre o PIB, cun 64,8%, fronte ao 33,5% rexistrado no ano 2000. En termos de volume, Pontevedra ocupou en 2024 a cuarta posición entre as provincias españolas, con preto de 15.000 millóns de euros en exportacións,

O estudo “1975-2025. Unha visión por provincias: 50 anos de evolución económica, social, empresarial e institucional das provincias en España”, elaborado conxuntamente polo Consello Xeral de Economistas de España e a Cámara de Comercio de España analiza desde unha perspectiva provincial a evolución da poboación, o emprego, a renda, as infraestruturas e o tecido empresarial, e permite identificar tanto os avances das últimas cinco décadas como os desequilibrios que aínda existen entre territorios.

Estes datos axudan a entender unha transformación económica que en Vigo resulta especialmente visible. “A mediados dos anos setenta, Vigo era un dos grandes centros industriais de Galicia. A construción naval, a automoción, a pesca, a conserva e a actividade portuaria daban emprego a decenas de miles de persoas e estaban detrás do propio crecemento da cidade”, sinalou a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez.

Cinco décadas despois, boa parte desa base produtiva continúa existindo, pero cunha estrutura diferente. A vicepresidenta salientou a evolución da automoción arredor da planta de Balaídos e o desenvolvemento posterior dunha ampla rede de empresas auxiliares, fabricantes de compoñentes, enxeñarías, empresas loxísticas e servizos especializados.

Tamén mudou profundamente a economía vencellada ao mar. A pesca, a industria conserveira e o porto seguen tendo un peso importante, pero os procesos produtivos, a conservación e transformación dos produtos, a comercialización e as relacións cos mercados internacionais son hoxe moi diferentes ás de hai medio século.

“Moitas das actividades que asociamos historicamente con Vigo seguen existindo, pero traballan doutra maneira”, explicou a vicepresidenta. “Hoxe as empresas forman parte de cadeas de subministración internacionais, compran e venden en mercados moi diferentes e están máis expostas ao que acontece fóra. Iso abre oportunidades, pero tamén fai que unha crise nas cadeas de subministración, unha pandemia ou as dificultades da industria europea teñan consecuencias aquí”, proseguiu.

Exposición “Vigo Emerxente”

A segunda parte da xornada trasladou esa evolución económica ao ámbito da imaxe coa presentación da exposición “Vigo Emerxente. Industria, comercio e navegación”, que reúne 64 fotografías do Arquivo R. Quintero e que poderá visitarse de balde na Sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo ata o 23 de outubro en horario de 09.00 a 20.30 horas, de luns a venres.

A mostra está estruturada en seis capítulos –“Construíndo a cidade”, “De metal, de madeira e papel”, “O comercio”, “O téxtil”, “Formando” e “Da terra e do mar”- e un epílogo dedicado ao futuro. O conxunto amosa como a industria, o comercio e a actividade marítima participaron na construción da Vigo contemporánea e recupera tamén imaxes de diferentes puntos da provincia.

“Vigo emerxente” está vencellada ao 140º aniversario da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e recupera fotografías realizadas no ámbito da actividade industrial e económica de Vigo, desde empresas e comercios ata o porto, centros de formación, traballadores, maquinaria e espazos urbanos.

A exposición conecta especialmente coa traxectoria de Roberto Quintero Corredoira, que desenvolveu boa parte da súa carreira profesional na fotografía técnica e industrial ao fronte do seu propio estudo e que tamén asumiu responsabilidades de representación nas organizacións profesionais de fotógrafos de Pontevedra, Galicia e España. O seu fillo, Roberto Quintero López, deu continuidade posteriormente ao arquivo e participou na recuperación e contextualización do material.

Diario Marín

Diario Marín

Web Master

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Don't Miss