«Tes terras?», o xogo de mesa inspirado no Monopoly que permite conquistar as parroquias de O Morrazo

"Tes Terras?" é un xogo de mesa creado por Paula Pastoriza e Pedro Meira -dúas persoas vencelladas ao Morrazo- que ten como escenario os concellos de Cangas, Moaña, Bueu e Marín. Inspirado no clásico Monopoly, o xogo foi desenvolvido como unha proposta propia e con contido e deseño adaptados á realidade local.
17 de julio de 2025
1 minuto lectura
Fichas relativas a Marín no xogo Tes terras?
Fichas relativas a Marín no xogo Tes terras?

A idea inicial partiu dun Monopoly antigo atopado polos creadores, que adaptaron de forma caseira e utilizaron como base para desenvolver esta nova versión. A súa participación no evento Ghallufadas, centrado na promoción do galego nos xogos de mesa, motivounos a crear un prototipo funcional en dúas semanas, co obxectivo de presentalo ao público.

O funcionamento de «Tes Terras?» baséase na compra e venda de propiedades, pero introduce varias diferenzas con respecto ao xogo orixinal. O obxectivo non é arruinar aos demais xogadores, senón acadar 20 puntos mediante combinacións estratéxicas de propiedades, cuxos valores están asociados a datos reais como a densidade de poboación ou a situación xeográfica (costa ou interior).

Taboleiro de xogo de Tes terras?
Taboleiro de xogo de Tes terras?

Ambientación inspirada no entorno mariñeiro e rural

O taboleiro mantén o formato físico tradicional, pero con elementos estéticos renovados, cunha ambientación inspirada no entorno mariñeiro e rural da comarca. As figuras do xogo representan puntos de interese específicos de cada concello: a Illa de Ons (Bueu), o Lago de Castiñeiras (Marín), a Poza da Moura (Moaña) e Cabo Home (Cangas). Estes espazos actúan como cartas especiais que achegan vantaxes aos xogadores.

Outro dos elementos diferenciadores é a mecánica do «mercado», que se activa ao final de cada rolda e permite aos participantes adquirir cartas que modifican características das súas propiedades. Algunhas destas cartas, como a do Concello, posibilitan accións como “mover os marcos”, é dicir, alterar os límites territoriais dentro do xogo.

Caixa do xogo de mes Tes terras?
«Tes terras?» un xogo de mesa feito 100% en galego

Traballo con empresas locais no proxecto

As figuras que representan os puntos de interese ―como as Illas Ons, o Lago de Castiñeiras, a Poza da Moura ou Cabo Home― foron realizadas por Ouril Games, empresa de Beluso que colaborou co proxecto. Ademais, cada concello conta cunha localización emblemática que lle dá un carácter único ao xogo.

As fichas de Tes terras? sobre o tabolieor do xogo que están feitas en Beluso (Marín) por Ouril Games
As fichas de «Tes terras?» están feitas en Beluso (Marín) por Ouril Games

Actualmente, «Tes Terras?» pode adquirirse gracias a Quimera e xogarse por exemplo, na tenda Gáidil, situada na rúa Pazos Fontenla, en Bueu. Alí, ademais, as persoas interesadas poden cubrir unha enquisa para avaliar aspectos como a accesibilidade, claridade das normas ou interese comercial do xogo.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Don't Miss