O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, informou os alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados pola vaga de incendios deste verán sobre o xeito de solicitar as axudas estatais tras a declaración de Zona Afectada Gravemente por Emerxencia de Protección Civil (ZAGEPC) acordada no Consello de Ministros do pasado 26 de agosto.
No caso da bisbarra do Morrazo, Vilaboa está incluída neste paquete de axudas destinadas á reparación de infraestruturas e vías de comunicación municipais ou provinciais.
Losada remitiu a documentación para cumprimentar, así como as instrucións e contactos útiles para resolver dúbidas. As axudas sufragarán os danos producidos nas infraestruturas municipais e provinciais, así como os danos nas vías de comunicación municipais e provinciais. Ademais remitiuse a documentación á Deputación de Pontevedra, por se estivese en condicións de acreditar danos nas súas infraestruturas.
Losada recordou que para que ou Goberno de España declare as “zonas catastróficas” é preceptivo que, previamente, a Xunta teña declarado a emerxencia, cando menos no nivel 2, tal e como sucedeu nesta vaga de lumes.
Os concellos e a Deputación teñen de prazo ata o próximo día 15 de outubro para presentar a súa solicitude e a documentación preliminar sobre os danos.

Máis de 72 hectáreas en Vilaboa
Foi o pasado 21 de agosto, cando un incendio forestal declarado na parroquia de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) arrasou máis de 72 hectáreas de monte, converténdose no lume máis grave do verán no municipio.
As chamas, avivadas pola seca e o vento, obrigaron a desaloxar a 14 veciños de catro vivendas en Paradellas e mantiveron en albas durante días a toda a poboación. A Xunta chegou a activar a situación 2 de emerxencia ao aproximarse o lume ás casas.
Na extinción participaron brigadas forestais, medios aéreos, motobombas e a Unidade Militar de Emerxencias, nunha operación que se prolongou durante cinco días, ata que o incendio quedou finalmente controlado o 26 de agosto.
Axudas para gandeiros e agricultores
Por outra parte, o subdelegado celebrou a posta en marcha das axudas do Ministerio de Agricultura para gandeiros e agricultores por concesión directa e cun importe que pode chegar ata os 10.000 euros. Todas estas axudas están a tramitarse de oficio e aboaranse antes do 31 de decembro.