Adrián Porima comezou a súa andaina neste mundo formándose en producción audiovisual na EAV, pero el sempre soubo que o seu eran as cámaras, algo que tamén cría a xente coa que traballaba, pois vían no seu facer moito xeito nos medios técnicos, así que non deixou pasar o tempo para enseguida pasarse ao outro bando.
O seu primeiro traballo chegou da man do director Mario Iglesias con “El origen del problema”, “traballar con Iglesias é fascinante, de feito grazas a el rompín moitos dos patróns que aprendera. O seu xeito vanguardista de traballar rompendo as regras fixo nacer novas ideas en min” comenta Porima.
Pero a súa verdadeira escola foi a creación dunha web serie “La última piedra”(2017), onde inda que todo estaba “moi verde”, di, conseguiu xuntar a moita xente do sector para colaborar con el. Esta experiencia fixo que lle rondara na cabeza o feito de ter unha marca propia, pero non foi ata o ano 2022 que arrancou de xeito autónomo con APORIMA, tras casi seis anos traballando para outras persoas.

Proxectos multidisciplinares
Adrián conta no seu curriculum con variadas colaboracións como operador de cámara para moitos eventos sociais e tamén xornalísticos, como é o caso das retransmisións deportivas con Pablo Cacheda en “Volvemos a primera”. Entre os traballos de APORIMA están os relativos a “Sete falares” para o Concello de Pontevedra, “Laboratorio da paisaxe” coa arquitecta Sheila García e para o Concello de Barro traballa en “Especies e espazos”, proxectos ambos baseados en obradoiros de natureza, sostibilidade e impacto do territorio no que vivimos.


Fotogramas de «Laboratorio da paisaxe» e de «Sete falares». Foto: APORIMA
O teatro e a performance tamén entran no seu campo de actuación, tal e como amosa a súa cobertura de “Fugas e Interferencias” e os traballos no Concello de Poio para o “Armadinha Rock”.

A música, parte importante do seu traballo
Na súa producción audiovisual a música é tamén un puntal importante, entre os seus traballos están a grabación do último vídeo do grupo marinense Mardeafora, a edición de material para o grupo de metal galego DIOIVO ou o vídeo de Brais das Hortas, recente gañador dos Martín Códax da Música galega do ano 2025 coa súa música para crianzas.



Fotogramas dos videoclips de MARDEAFORA e DIOIVO. Foto: APORIMA
APORIMA tamén foi o creador e director do programa A palleira, no que se entrevista a persoeiros do mundo da cultura galega como Andrea Ferrer, Marcos Padín, Tamara Andrés, Suso Novás, etc. e no que traballou coa Asociación Armadiña.

Gañador de varios premios no audiovisual
A curta de Adrián Porima “Din de nós” (2023) resultou gañadora do «1º Premio» Vídeo (Imaxe real) da Catedra Afaga-Atendo de Idadismo da Universidade de Vigo, así como «1º Premio» en XGN23 Creatividad digital. “Din de nós” atrapa a “mirada interxeracional”, convertendo ao seu avo e á súa avoa nos protagonistas do vídeo premiado na modalidade de imaxe real. Adrián pon a fala en como os maiores posúen uns coñecementos tecnolóxicos escasos, pero faino dándolle a volta ao asunto facendo que os seus protagonistas nos sorprendan.

Ademais de colaborar con distintas televisión nacionais como A3 media ou TVE en directos da zona, ten traballado co camarógrafo Marko Otero e feito coberturas con José Aragunde.
Pola súa banda APORIMA afirma que “ter un bo equipo de audiovisual axuda”, conta por exemplo que o feito de dispoñer de dron no seu haber, abre a posibilidade de facer distintos tipos de traballos que están tendo moito éxito. Porque Adrián dalle a todos os paus, tocando tamén o ámbito social, co que colabora nas vodas que organiza Vodiñas con V, Una boda verdadera ou CINEMAPARA2.
Apostando polo futuro
Na actualidade Adrián está a traballar nunha curta que mestura drama e ciencia ficción e que se titula “Nas ondas do tempo”. O escenario será a zona de Marcón e en breve pensa en presentala xa a diferentes festivais do mundo audiovisual.

Falando con Adrián Porima, queda claro que lle entusiasma o seu traballo, do que fala co orgullo das persoas que saben o que supón sácalo adiante, moitas veces so. Ainda así, agradece que na escola se empece a introducir a formación no ámbito audiovisual, porque dese xeito“as crianzas non irán dando bandazos e enfocarán o tema desde nenos, facendo que así xorda máis o talento”. Por todo iso Adrián anima á xente nova a se introducir neste ámbito, “no audiovisual hai moito campo aberto e canta máis xente se meta no asunto, máis se moverá todo”, remata.