A Asociación Cultural Almuinha organiza este xoves ás 20.00 horas no Museo Manuel Torres a charla titulada “A nova orde mundial: ofensiva imperialista”, unha proposta que busca ofrecer unha análise crítica da situación xeopolítica actual.
O acto contará coa intervención do analista internacional Duarte Correa, quen abordará os cambios que se están a producir no escenario global. Para iso, prestará especial atención ao papel dos Estados Unidos nas dinámicas de desestabilización política, económica e militar en distintas rexións do mundo.

A actividade enmárcase na liña de traballo da asociación, centrada na promoción de espazos de debate e pensamento crítico. Moito máis nos contextos internacionáis da actualidade, marcados por conflitos armados, tensións diplomáticas e unha crecente militarización.
O novo orden mundial
Duarte Correa, profesor de Xeografía e Historia, conta cunha ampla traxectoria na análise de conflitos contemporáneos e participou en múltiples conferencias en Galicia, abordando cuestións como o conflito entre Israel e Palestina ou o papel das grandes potencias na política global.
É coautor dos libros Galiza: Poboación e Industria e O estudantado sae á rúa. ERGA no movemento estudantil galego. Autor do caderno 50 Aniversario de ERGA (1972-2022).

Ademáis, leva moitos anos dedicado ao ámbito da análise internacional. Colabora regularmente sobre esa temática en publicacións galegas e internacionais e participa habitualmente como relator convidado en diversos seminarios e actividades formativas en Europa e América Latina, con traballos sobre xeopolítica, relacións internacionais, imperialismo e loita dos pobos pola soberanía.
Ademais, acaba de presentar o seu último libro 𝐎 𝐢𝐦𝐩𝐞𝐫𝐢𝐚𝐥𝐢𝐬𝐦𝐨 𝐧𝐨 𝐬𝐞́𝐜𝐮𝐥𝐨 𝐗𝐗𝐈. O libro sostén que a alternativa ao imperialismo pasa pola defensa da soberanía popular ante a «recolonización política» e a «expropiación económica» do capitalismo contemporáneo.
Debate en tempos revoltos
Desde a organización destacan que a charla pretende achegar unha visión crítica e documentada da realidade internacional, aberta a un público amplo interesado en comprender mellor as dinámicas xeopolíticas actuais e as súas consecuencias sociais e políticas. A entrada será libre ata completar a capacidade do recinto.