Homenaxe ao guerrilleiro Gerardo Lobeira

Gerardo Lobeira nacera en Loira (Marín) o 30 de xaneiro de 1908. Era comunista. De extracción social popular, traballou como mariñeiro e posteriormente emigraría, xunto aos seus irmáns, para se embarcar tamén na pesca no porto de Pasaia, en Euskal Herria. Con motivo do golpe de estado de 1936 alístase voluntario nas “Milicias Populares Antifascistas de Euzkadi”.
31 de agosto de 2026
2 minutos de lectura
Alguns dos asistentes ao Homenaxe Gerardo Lobeira.
Alguns dos asistentes ao Homenaxe Gerardo Lobeira.

O sábado 27 de agosto, tivo lugar nas vilas de Barjac e Bagnols-Sur-Cèze
(Departamento de Gard, Francia) unha homenaxe e recoñecemento institucional ao galego Gerardo Lobeira Rodríguez, que morreu metrallado o 27 de agosto de 1944 en Bagnols-Sur-Cèze, mentres participaba nunha misión da Resistencia Francesa contra a ocupación nazi, na fase final da Segunda Guerra Mundial.

Os actos oficiais desenvolvidos, aos que asistiron membros da familia (procedentes de Euskal Herria e Galiza), consistiron nunha recepción oficial no concello de Barjac, a presentacion dunha placa co seu nome no centro da localidade e unha ofrenda floral con intervencións no lugar onde morreu (na estela erguida na súa honra, en Bagnols- Sur-Cèze).

Marinense

Gerardo Lobeira nacera en Loira (Marín) o 30 de xaneiro de 1908. Era comunista. De extracción social popular, traballou como mariñeiro e posteriormente emigraría, xunto aos seus irmáns, para se embarcar tamén na pesca no porto de Pasaia, en Euskal Herria. Con motivo do golpe de estado de 1936 alístase voluntario nas “Milicias Populares Antifascistas de Euzkadi”, participando en diversas accións militares en primeira liña na defensa de Bilbo.

Homenaxe Gerardo Lobeira.
Homenaxe Gerardo Lobeira.

A entrada das tropas franquistas no País Vasco fai que Gerardo Lobeira pase á clandestinidade. En agosto de 1937 secuestrará a punta de pistola o pesqueiro pasaitarra “Miren-Ainguerua” e os seus tripulantes, conducíndoo a un porto francés. Por esa acción, aínda que nunca foi capturado, resulta
condenado a morte por “rebelión militar” (o xuíz instrutor desa causa é o capitán de fragata Álvaro Espinosa de los Monteros; curiosamente un descendente del sería décadas despois dirixente de Vox).

Xa na Franza, Gerardo Lobeira atravesa todo ese país de oeste a leste para entrar novamente en combate a través da fronteira de Catalunya, adscribíndose ao Corpo de Carabineiros. Co triunfo do bando franquista, Gerardo Lobeira pode fuxir nunha embarcación a Franza. En Marsella ficará internado nun campo de concentración, e de alí pasará aos campos de Saint- Cyprien e Argelès-sur-Mer para, en condicións infrahumanas, ser finalmente internado no campo de concentración de Gurs.

Clandestinidade

Coa ocupación nazi da Franza, Gerardo Lobeira fuxe pasando á clandestinidade e alístase nas filas da FFI (Resistencia Francesa), onde desenvolve accións de comando que o levan a ser considerado heroe por parte das autoridades francesas. Entre elas, a liberación da prisión de Nimes, numerosos actos de ataque ás tropas alemás, ou a participación na liberación de diversas vilas. Finalmente morre no contexto dunha acción o 27 de agosto de 1944. No lugar onde foi metrallado as autoridades francesas levantaron unha estela co seu nome, na súa memoria.

Homenaxe Gerardo Lobeira.
Homenaxe Gerardo Lobeira.

A familia Lobeira quere agradecer ás autoridades francesas, e moi especialmente ao alcalde de Barjac, Edouard Chaulet, a súa disposición favorábel ao recoñecemento e á dignificación da memoria de Gerardo Lobeira, así como tamén ao resto do persoal do concello e ás asociacións de veteranos da Resistencia, pola súa axuda. Ao tempo, lamentamos que ningunha institución galega tivese ningún xesto nesa dirección. Debe chamar á reflexión a contradición que implica ser considerado heroe na Franza, e esquecido e ocultado na súa propia patria.

A familia Lobeira acordou continuar desenvolvendo accións de recoñecemento, divulgación, homenaxe e dignificación da vida e traxectoria dos irmáns Lobeira.

Diario Marín

Diario Marín

Web Master

Deja un comentario

Don't Miss