O subdelegado do Goberno recibiu ao grupo de sete estudantes procedentes de Estados Unidos, Canadá e Taiwan que están de intercambio cultural en Vigo, Nigrán e Vilagarcía de Arousa da man do Rotary Club.
Losada tivo ocasión de coñecer os estudos que están realizando estes rapaces, de entre 15 e 18 anos, nos IES Rosais 2 (Vigo), Val Miñor (Nigrán) e Fontecarmoa (Vilagarcía), que compatibilizan coa asistencia a Escola de Idiomas, cursos de música, cociña e participación en equipos deportivos de diferentes disciplinas. Permanecerán aquí ata o remate do curso escolar.

Os estudantes Kathryn Storie Mills, Luna Grace Aldana, Ximena Cruz-Galván, Aiden Wilburn, Sophie Xuan Huang Bao, Kathleen Mallon Madison e Chase Levine explicaron as súas vivencias e obsequiaron a Abel Losada cun pin de amistade do Rotary Club. O grupo chegou acompañado dos rotarios Juan Carlos Pérez e Arancha Mañas, responsables da área de Xuventude no Rotary Club nas cidades de Pontevedra e Vigo.
Abel Losada destacou a utilidade deste tipo de intercambios, que contribúen a espallar a cultura e o valor da paz entre o estudantado de todo o mundo. Ao mesmo tempo, celebrou que o Goberno de España estea a facilitar os permisos de estancia por estudos para as solicitudes que se plantean non só dende os centros educativos, senón tamén dende asociacións, como o Rotary Club.