Cristina Corral Soilán (Diario Marín): En que momento xurdiu a idea de crear estas pezas?
Tania Amado: A principios deste ano vin unha imaxe en internet e pensei que eu tamén podería facer algo parecido. Empecei a probar, gustoume o resultado e desde entón non parei de crear.




DM: Cal era o obxectivo inicial?
Tania Amado: Ao principio, o motivo era recadar cartos para a excursión de fin de curso do meu fillo. A idea era elaborar as miñas creacións para vendelas en mercadiños e a través das redes sociais, e que el tamén participase na venda. Co tempo, decateime de que á xente lle gustaban moito os meus traballos e, ademais, descubrín que gozaba moitísimo do proceso de crealos. É unha actividade que me entretén, me relaxa e me apaixoa. Por iso seguín creando novas pezas, participando en máis mercadiños e colaborando con algún punto de venda. Aínda que vender as miñas creacións é unha satisfacción, a miña principal finalidade é gozar deste hobby e seguir facendo algo que realmente me fai feliz.



Inspiradas no mar
DM: Que tipo de pezas prefire facer?
Tania Amado: As inspiradas no mar: barcos, faros e paisaxes mariñeiras. É a miña principal fonte de inspiración.




DM: Como respondeu o público?
Tania Amado: Moi ben. Nunca pensei que as miñas creacións tivesen tanta acollida e iso anímame a seguir.
DM: Nunca pintara antes. É autodidacta?
Tania Amado: Sí. Sempre me gustaron as manualidades e fun aprendendo con vídeos, práctica e moita paciencia. Aínda así, gustaríame seguir formándome.
DM: De onde saca os materiais?
Tania Amado: Recólloos nas praias de Marín e Bueu durante os paseos de inverno. Despois deixo que cada peza me inspire. Todos teñen o seu encanto e gústame combinalos para crear algo diferente.
DM: Hai algunha peza que esperte máis interese?
Tania Amado: Si, as de temática mariñeira. Ademais, se levan o nome dunha praia, adoitan gustar aínda máis.
DM: Podemos atopala nalgún mercadiño de Marín?
Tania Amado: Non teño un posto fixo, aínda que participo en eventos puntuais. Tamén se poden atopar algunhas pezas en O Rincón de Poty, na praia de Aguete.
DM: Acepta encargos personalizados?
Tania Amado: Si. Encántame facer pezas únicas con nomes, lugares ou materiais que achega a propia persoa.
DM: Onde podemos buscala nas redes sociais?
Tania Amado: En Instagram e Facebook como @puntolume.
DM: Por que escolleu ese nome para a marca?
Tania Amado: Xurdiu xunto ao meu fillo Teo. Relacionei o láser co lume e dese pequeno punto de luz naceu o nome e tamén o logotipo.
DM: Ten algún proxecto novo entre mans?
Tania Amado: Non teño nada pechado. Prefiro crear sobre a marcha, experimentar e deixar que as ideas vaian xurdindo de forma natural.