Cada luns de Entroido, cando o calendario carnavalesco alcanza o seu momento máis lúdico, a zona de Lameiriña convértese nun pequeno escenario de celebración popular.
Alí celébrase a Festa do Merengue, integrada no programa festivo de Marín e que este ano alcanzou a súa 41ª edición, consolidándose como unha das convocatorias máis arraigadas do Entroido local.
A escena, tradicionalmente ao aire libre, ten algo de ritual contemporáneo: veciños e veciñas —nenos, familias enteiras, comparsas improvisadas— participan na xa característica “batalla” de doces e fariña, onde a escuma doce funciona como pretexto para o xogo colectivo e o reencontro veciñal.
A edición da choiva
Nesta ocasión, a choiva obrigou a trasladar a celebración ao multiusos municipal. O cambio de localización permitiu manter intacto o programa previsto e garantir a participación en condicións de seguridade e comodidade.
A animación musical correu a cargo da charanga Pousos da Area, que puxo ritmo á xornada. Así mesmo, a tradicional festa infantil desenvolveuse tamén no mesmo espazo, dinamizada pola disco móbil Dolce Vita, que centrou a programación no público máis novo.

Tecido asociativo
Esta entidade desempeña un labor fundamental na animación lúdico-cultural do municipio, especialmente centrada na infancia e a mocidade. A súa actividade non se limita ao calendario festivo: ao longo do ano impulsa propostas educativas, culturais e de lecer que promoven a participación activa dos máis pequenos, fortalecendo valores de convivencia, creatividade e comunidade.
Nese sentido, a Festa do Merengue é tamén escaparate dun traballo constante que aposta por situar á infancia no centro da vida social, entendendo a cultura como un espazo de aprendizaxe compartida e cohesión social.
Estarán en Campolameiro
A Asociación de Amigos Dos Rapaces ten unha cita co entroido da comarca o próximo 28 de febreiro en Campolameiro. Alí participarán no concurso de desfiles como convidados xunto outras de Bora, Monteporreiro o Arcade. Ademais, coincidirán coas comparsas marinenses como Os Paparrulos ou Os da Caña. Aínda hai moito entroido que gozar.