O número de delitos de Marín aumentou un 5,8% ao ter pasado de 669 a 708 delitos durante o ano 2025 a pesar das boas cifras da provincia en materia de seguridade tras analizar na Xunta Provincial de Seguridade. O subdelegado, Abel Losada, destacou que mentres o número de delitos se reduciu o ano pasado o número de persoas detidas se incrementou nun 4,3%, o que significa tamén unha maior eficacia policial e contribúe a explicar as razóns desta mellora continua nas estatísticas que se vén manifestando dende 2022.

A crimanalidade descendeu un 4,17% no ámbito urbano (demarcación da Policía Nacional) e rexistrou un leve avance do 1,42% no rural (demarcación da Garda Civil) no pasado exercicio. O subdelegado subliñou que estas cifras consolidan o terceiro ano consecutivo de retroceso na criminalidade “nunha das provincias máis seguras dun dos países máis seguros do mundo”.
Descenso conxunto
A Policía Nacional rexistrou no conxunto das comisarías de Vigo-Redondela, Pontevedra, Vilagarcía e Marín un descenso de 764 delitos (-4,17%) ao longo do ano e realizou 3.085 detencións (un 3,1% máis).
Por tipos de delitos incrementouse a violencia machista (un 6,1%) e descenderon os delitos contra a liberdade sexual (un 9,3%) e moi especialmente as agresións sexuais con penetración (un 46,6%) ata o punto que pasouse de 60 delitos do ano 2024 a 32 no ano 2025. Tamén baixaron os roubos con intimidación (-20,5%) e os roubos con forza (-13,2%).
Incremento en Marín
Por comisarías destacouse que a de Vigo-Redondela volve pechar o ano cunha importante baixada, desta vez dun 5,8% (pasa de 12.802 delitos en 2024 a 12.052 delitos en 2025).
A Comisaría de Pontevedra rexistrou unha baixada dun 3,4% na actividade delituosa (de 3.157 a 3.050 delitos), a de Vilagarcía rexistrou un incremento dun 3,1% (pasou de 1.707 a 1.761 delitos) e, finalmente.
A Garda Civil rexistrou 202 delitos máis (un 1,42%) durante o ano pasado e realizou 1.176 detencións (un 7,6% máis). Por tipoloxías delituosas, no ámbito rural da provincia produciuse un incremento dos furtos (un 10% máis), dos danos e especialmente dos roubos con forza nas vivendas (un 19,5% máis). A Garda Civil practicou 1.176 detencións, o que supón un 7,6% máis que o ano anterior.

Ciberdelitos
A Xunta Provincial de Seguridade tamén analizou o impacto da ciberdelincuencia, que dá signos de ralentización no gran crecemento experimentado nos últimos anos. Así no ámbito urbano avanza tan só nun 1,32%, mentres que no rural a alza é dun 7,2%, que, aínda que significativa, tamén é menor que nos anos anteriores.
Por cidades, o impacto deste tipo de delitos sobe con máis forza en Pontevedra (un 23,3%), baixa en Vigo (un -4,1%), sobe tamén en Vilagarcía (un 3,5%) e, especialmente, en Marín (un 41,3%).
A este respecto, Losada matizou que » o relevante é que a ciberdelincuencia, que ten dobrado o seu impacto nesta provincia nos últimos anos, comeza a desacelerarse porque as campañas de prevención e formación dixital das Forzas e Corpos de Seguridade, do INCIBE, dos concellos e tamén das entidades bancarias están conseguindo que cada vez “pique” menos xente, aínda que segue a ser un grave problema e, moi especialmente, no conxunto da poboación maior».
Seguimento VioGén
Finalmente avaliáronse as estatísticas de violencia de xénero. Hai un total de 1.961 casos activos na provincia. Delas hai unha muller en risco extremo, 21 están en risco alto, 293 en medio e 1.646 en baixo.
Un total de 1.285 vítimas teñen orde de protección, 97 dispoñen de teléfono Atempro (entrégase a criterio dos Servizos Sociais municipais ás vítimas de violencia de xénero e/ou sexual) e outras 43 dispoñen do dispositivo Cometa (entrégase polo Xulgado para asegurar que os maltratadores cumpran coa orde de afastamento).