O primeiro de maio conmemórase o Día Internacional da Clase Obreira. Esta non é unha data máis de celebracións no calendario, o primeiro de maio é un día de reivindicación para continuar avanzando no dereito a un traballo digno e na mellora de condicións laborais dos e das traballadoras.
Marín foi históricamente un dos lugares con maior movemento sindical, pioneiro na creación de sociedades obreiras nas que se integraron as mulleres, sendo un dos concellos máis importantes, despois de cidades como Vigo ou A Coruña.
A chegada das fábricas de conserva a Marín a finais do século XIX, xunto coas fábricas de salgadura, resultaron unha oportunidade de traballo remunerado para as mulleres, permitíndolles ter independencia económica e poder contribuir coa economía familiar.
480 fábricas de salgaduras
No Marín do ano 1900, cunha poboación de case 7000 habitantes, 300 mulleres traballaban nas fábricas de conservas e 480 nas fábricas de salgaduras.
Mais as condicións de traballo e o salario eran moi inferiores ás dos homes, polo único feito de ser muller, algo que lamentábelmente, aínda hoxe en día se sigue combatendo.
Esta situación levou ás peixeiras, estibadoras, conserveiras, salgadeiras ou empacadoras a organizarse e crear as primeiras sociedades de movementos obreiros compostas únicamente por mulleres. Coa unidade de todas, foron quen de ir gañando avances lexítimos nos seus postos de traballo.
No ano 1906 levaron a cabo a primeira folga de mulleres con resultado de detencións e multas, mais isto non foi impedimento para seguir organizándose en moitas máis folgas para demandar salarios xustos e mellores condicións laborais. Mulleres como Casilda Pazos Pérez, Dolores Santiago Troitiño, Isolina Freire Caeiro, Emilia Carril Vidal e outras moitas mulleres non poden ficar no esquecemento.
É de xustiza facer memoria e ter presente ás nosas pioneiras que loitaron por melloras laborais pagando en demasiadas ocasións, un prezo moi alto. Este primeiro de maio, ergamos as xestas facendo lembranza por todas estas mulleres, ás que tanto lle debemos.
Pola súa memoria, nin un paso atrás!
(Grazas ao historiador Celso Milleiro pola consulta ao arquivo de datos)
Lucía Santos Omil
Portavoz Municipal do BNG