Segundo explica a Plataforma, a asemblea celebrarase este xoves, 22 de xaneiro, ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Seixo. O encontro está dirixido tanto a persoas afectadas directamente como a familiares que leven máis de tres meses agardando por atención sanitaria especializada. A convocatoria inclúe a veciñanza pendente dunha cita con especialistas, dunha proba diagnóstica, dunha intervención cirúrxica ou mesmo a aquelas persoas ás que se lles ofreceu derivación á sanidade privada e decidiron continuar na pública.
A voceira da Plataforma, Iria Aboi Ferradás, advirte de que “a situación é insostible” e critica o discurso oficial da Xunta de Galicia. “Non nos poden dicir que o sistema responde cando hai semanas de espera para unha consulta coa médica ou médico de cabeceira e meses ou anos para especialistas, probas e intervencións”, sinala.

Críticas á xestión do Sergas
Aboi Ferradás tamén fai referencia ao colapso das urxencias hospitalarias, que atribúe á “falla de previsión, organización e dotación de recursos”. Neste senso, considera inxusto que se responsabilice á cidadanía por acudir ás urxencias cando “non existe outra alternativa real para ser atendida”. Para a Plataforma, “son as decisións da Xunta as que levan ao colapso da sanidade pública”.
A voceira alerta ademais do risco de desmantelamento do sistema público: “Interesa empurrar á xente cara á privada cando está desesperada e non pode agardar máis. Non podemos dar por inevitable esta situación, temos que actuar”.
Autobuses para a manifestación do 1 de febreiro
Por outra banda, a Plataforma Seixo-Marín confirma a súa adhesión á manifestación convocada en Santiago de Compostela o vindeiro 1 de febreiro por SOS Sanidade Pública e as diferentes plataformas en defensa da sanidade. Para facilitar a asistencia, haberá autobuses desde Marín e as parroquias a un prezo de 5 euros.
As persoas interesadas poden reservar praza en varios establecementos colaboradores: Café Bar O Freixo e Café Bar O Carballinés en Marín; en Seixo, a Panadería do Cine, Librería Begoña, a Farmacia e a Ferretería La Comercial; e en Ardán, na Agrícola. Tamén está dispoñible o teléfono 699 484 676. “Non podemos permitir que se xogue cun dereito básico como é a saúde”, conclúen dende a Plataforma.
