A veciñanza do lavadoiro de Soaxe leva máis de seis anos agardando polo arranxo comprometido polo Concello, tanto do lavadoiro como da presa, mais a día de hoxe as actuacións seguen sen chegar. Durante este tempo, a veciñanza foise xuntando de cando en vez para realizar pequenas limpezas e reparacións, pero o estado da estrutura empeora ano tras ano. Actualmente, o lavadoiro presenta fendas e desprazamentos na base de firme, o que compromete a súa estabilidade, ademais de estar afectado polo abandono e polo vandalismo, que deixou as paredes cubertas de pintadas.
Recollida de firmas en establecementos locais
Conscientes de que se trata dun elemento único da memoria colectiva do pobo, as persoas que impulsaron a iniciativa elaboraron un dossier fotográfico que recolle o estado actual da instalación: falta de auga, deterioro das pedras, fendas na estrutura e paredes emporcadas. Ese documento acompañará a solicitude oficial que será remitida ao Concello de Marín para reclamar unha intervención urxente.




O lamentable estado en que se atopa a día de hoxe o Lavadoiro de Soaxe. Foto: JLPortela
Ainda que a recollida de sinaturas está a desenvolverse porta a porta, tamén se habilitaron formularios en varios locais de Seixo:
En todos estes establecementos, as persoas interesadas en contribuir coa súa firma poden apoiar a demanda popular a favor desta restauración.
A web dos lavadoiros de Marín
A Deputación de Pontevedra ten a disposición do público unha web na que se pode ver como dentro do extenso e valioso patrimonio histórico e cultural de Marín, se atopan os lavadoiros : «como testemuñas da evolución das nosas parroquias, aldeas e barrios». No caso de Soaxe, a restauración inda non se puxo en marcha.

Un espazo de encontro interxeracional
A veciñanza de Seixo fala do lavadoiro da zona é afirma que «máis ca unha construción funcional: é un espazo de encontro interxeracional e un referente da vida cotiá no rural, parte inseparable da historia de Seixo e de Marín». Por iso afirman: “non podemos permitir que esmoreza no esquecemento sen facermos nada”.


A veciñanza reclama que o Concello actúe de maneira inmediata, restaurando e conservando o lavadoiro tradicional, poñéndoo en valor como parte do patrimonio cultural e etnográfico local, como indica a web da Deputación. “Non se trata só de arranxar unhas pedras, senón de respectar a identidade dun pobo que ve neste lugar un símbolo da súa memoria colectiva”, conclúen.