A Xunta lembra en Aguete a importancia de protexerse do sol durante o verán

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a praia de Aguete, en Marín, para facer un chamamento á cidadanía á hora de desfrutar do verán con responsabilidade, lembrando a importancia de protexerse fronte aos efectos do sol. Na visita estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e pola alcaldesa da vila, María Ramallo.
20 de junio de 2025
1 minuto lectura
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera e a alcaldesa, María Ramallo diante da praia de Aguete
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera e a alcaldesa, María Ramallo

A través do acto, Vázquez puxo en valor o labor de MeteoGalicia na monitorización da radiación ultravioleta, destacando o esforzo que se está a facer para ofrecer unha información detallada e accesible á poboación. Galicia conta actualmente con cinco medidores distribuídos entre Ribadeo, Ferrol, Marín, Baiona e Cervantes, que permiten facer un seguimento preciso dos niveis de radiación. Os datos están dispoñibles na páxina web de MeteoGalicia e complétanse con modelos de previsión por horas e para os dous días seguintes, facilitando así información útil para planificar actividades ao aire libre de forma segura.

A conselleira subliñou que, aínda que as temperaturas non sexan excesivamente altas, a exposición ao sol pode resultar perigosa se a radiación é elevada. Por iso, instou a seguir as recomendacións e a utilizar a información dispoñible para previr riscos. Ademais, lembrou que MeteoGalicia participa dende os seus inicios no programa de comunicación de risco da Organización Mundial da Saúde e da Organización Mundial de Meteoroloxía, reforzando así o compromiso coa saúde pública.

Ferramenta para a deteción das olas de calor

Vázquez tamén explicou que se activou unha nova funcionalidade que permite detectar episodios de calor baseándose na media das temperaturas diarias por municipio. Segundo esta ferramenta, cando os valores superan os limiares establecidos, emítense avisos de cor amarela, laranxa ou vermella. Se a situación persiste durante máis de dous días e afecta a un número importante de concellos, declárase un episodio de calor de nivel 1, 2 ou 3, en coordinación coa Consellería de Sanidade.

Gráfica da ferramenta de MeteoGalicia para a predición de episodios de calor.
Gráfica da ferramenta de MeteoGalicia para a predición de episodios de calor

Para rematar, a conselleira fixo fincapé na importancia de actuar con responsabilidade durante o verán, insistindo en que “aínda que non faga demasiado calor, a radiación pode ser igualmente alta e, polo tanto, prexudicial para a saúde”. Con esta mensaxe, a Xunta aposta pola prevención e a concienciación como ferramentas clave para desfrutar do verán con seguridade.

Diario Marín

Diario Marín

Web Master

Deja un comentario

Don't Miss