Ábrese o prazo de inscrición para participar na Batalla de Flores das Festas do Carme

A Batalla de Flores, un dos eventos máis esperados e emblemáticos das Festas do Carme de Marín, celebrarase o xoves 10 de xullo ás 22:30 horas, enchendo as rúas do centro da vila de cor, música e fantasía.
1 de julio de 2025
1 minuto lectura

O Concello de Marín abre hoxe, martes 1 de xullo, o prazo de inscrición para que os máis pequenos da casa poidan formar parte desta tradición tan querida.

Poderán participar na Batalla de Flores todos os nenos e nenas nados antes do 31 de decembro de 2019, tendo preferencia aqueles que estean empadroados no municipio de Marín. No caso de que o menor sexa máis pequeno, poderá participar tamén, pero deberá facelo obrigatoriamente acompañado dunha persoa adulta, que terá que ir disfrazada segundo a temática da carroza na que participen.

Gran espectáculo visual

O obxectivo é garantir a seguridade de todos os participantes e manter a coherencia estética e temática das carrozas, que son preparadas con mimo para ofrecer un espectáculo visual atractivo tanto para quen desfila como para o público asistente.

As solicitudes de inscrición poden entregarse presencialmente nas Oficinas da Alcaldía ou enviarse por correo electrónico ao enderezo alcaldia@concellodemarin.es. O prazo permanecerá aberto ata o 7 de xullo de 2025. As persoas que inscriban menores que requiran acompañamento deberán cubrir o anexo correspondente, dispoñible na web municipal, e achegar copia do DNI do solicitante e do acompañante adulto.

Momento na Batalla das Flores de Marín, carroza con nen@s e maiores con temática hawaiana
Momento na Batalla das Flores de Marín. Foto: Web Concello de Marín

A organización celebrará tamén unha reunión informativa o martes 8 de xullo ás 21:00 horas no Museo Manuel Torres, na que se detallarán aspectos organizativos, as normas de seguridade e o funcionamento do percorrido.

Finalizará no Parque Eguren

O desfile sairá dende as inmediacións do porto, á altura de Nodosa, e continuará pola avenida de Ourense, Praza de España, Almuíña, Jaime Janer e Concepción Arenal, rematando no Parque Eguren.

Toda a información sobre as normas de participación, documentación e prazos pode consultarse na web oficial: www.concellodemarin.es

O Concello de Marín anima ás familias a participar nesta actividade festiva que promete, unha vez máis, ser unha noite máxica chea de cor, alegría e fantasía.

Diario Marín

Diario Marín

Web Master

Deja un comentario

Don't Miss