“Chelito” relata a historia real dunha muller peixeira da Coruña, cuxa vida dá un xiro inesperado cando, con tan só 16 anos, queda embarazada. A protagonista vese obrigada a abandonar os estudos e o seu soño de ser perruqueira para traballar coa súa nai na venda de peixe. O que comezou como unha necesidade converteuse coa forza dos anos na súa verdadeira paixón: ser peixeira.
Rodada integramente na cidade da Coruña, a curtametraxe de Prado Pampín, segue a xornada completa de Chelito, dende que se ergue ás catro da mañá para acudir á poxa da lonxa, ata o regreso á casa, onde aínda lle resta facer a contabilidade do día. O director desta curta amosa non só o traballo físico e rutineiro, senón tamén o carácter combativo e carismático dunha muller que pelexa a diario polas mellores pezas de peixe.




Fotogramas de “Chelito”, curta documental de Carlos Prado Pampín
A vida das peixeiras
O documental tamén recolle escenas que transmiten como é a vida neste sector pero sobre todo o que é a esencia do oficio: a camaradería entre peixeiras, a poxa a viva voz —unha tradición que aínda resiste o paso do tempo na lonxa coruñesa—, e os cambios que viviu o traballo nas prazas de abastos nos últimos anos.
A obra, que participa na sección oficial do certame «Cine do Mar«, será proxectada este venres 28 de xuño, a partir das 19.10 horas, na Biblioteca Pública Vidal Pazos, dentro da segunda xornada de proxeccións do festival.
A curta compite polos dous galardóns principais do festival, un deles é a Sardiña de Ouro, concedida polo xurado profesional, e o outro o Polbo de Ouro, outorgado polo voto do público. Con esta obra, Carlos Prado Pampín volve demostrar a súa sensibilidade para retratar historias humanas e próximas, nun novo traballo que promete emocionar e facer reflexionar ao público asistente.