O Entroido de Marín comeza con importantes premios económicos, animación na rúa e contías fixas para comparsas participantes, nunhas datas que prometen converter a vila nun foco de cor, troula e creatividade. Arranca hoxe cos Cantos de Taberna e seguirá a fin de semana co Desfile Infantil, para o que se augura bo tempo, e o de Adultos, que polo momento mantense.

Desfiles infantís e xuvenís: protagonismo para a rapazada
O desfile infantil celebrarase o sábado 14 de febreiro ás 16.30 horas.O percorrido será o habitual, atravesando a Rúa Real, Praza do Reloxo, Rúa do Sol e Concepción Arenal, cun final no Parque Eguren, onde terá lugar unha gran festa pensada especialmente para os máis pequenos.
O xurado terá en conta criterios como a orixinalidade, o vestiario, a actitude, o ritmo e a capacidade de animación. Repartiranse catro premios individuais, catro de parellas, cinco de grupos e tres de comparsas, cun total de 1.860 euros en premios.
Os adultos toman a rúa o domingo 15
O desfile de adultos será o domingo 15 de febreiro a partir das 17.00 horas, con convocatoria media hora antes na Praza do Regueiro.
A comitiva percorrerá a Avenida de Ourense, Praza de España, Almuíña, Jaime Janer e Concepción Arenal, rematando tamén no Parque Eguren. Ao finalizar, o xurado dará a coñecer os premios, recoñecendo non só o mellor vestiario senón tamén a capacidade de transmitir ledicia e espírito entroido durante todo o traxecto.

Nesta categoría outorgaranse tres premios individuais, tres de parellas, dez de grupos e oito de comparsas. Ademais, as comparsas que non resulten premiadas poderán optar a unha axuda de 100 euros, e os grupos, a 75 euros. En total repartiranse 11.375 euros.
Contías fixas e limitación de prazas para as comparsas
Á marxe dos premios, establécense retribucións fixas para as comparsas que participen. As de vinte ou máis integrantes percibirán 225 euros polo desfile infantil e 100 polo desfile de adultos. As formadas por entre catorce e dezanove participantes recibirán 150 euros no infantil e 50 no de adultos. O Concello destinará 6.500 euros a estas achegas, limitadas ás vinte primeiras comparsas inscritas. As bases completas poden consultarse na web municipal.

PROGRAMACIÓN PARA O RESTO DA SEMANA:
Luns, 16 de febreiro. Velorio do Enterro da Sardiña no Concello. Organiza: Ateneo Santa Cecilia e Concello de Marín.
12:00h. Festa do Merengue na Lameiriña, acompañados por Pousos da Area. Organiza: Amigos dos Rapaces e Concello de Marín.
17:00h. Festa infantil coa animación de Dolcevita na Lameiriña. Organiza: Amigos dos Rapaces e Concello de Marín (Sorteo ás 19:00h).
17:00-21:00h. Tarde de Ludoxornadas. Museo
Martes, 17 de febreiro. 16:00h. 2o Torneo de Chave Enterro da Sardiña. Organiza: A.C.D Gharaboto. Campos de Petanca municipais da Bda. Virxe do Carme. 17:00-21:00h. Tarde de Ludoxornadas. Museo.
17:30-19:30h. Obradoiros e xogos infantís de Entroido. Alameda. Ás 18:30h
chocolatada de balde. Organiza: Concello de Marín
20:00h. Entrega de Premios do Concurso de Orellas e Filloas. Ateneo (recepción ás 18:00h). Organiza: Ateneo Santa Cecilia
Mércores, 18 de febreiro. 18.00h. Velorio do Enterro da Sardiña, con reparto de viño e pan de millo. Alameda.
20.00h. Enterro da Sardiña. Saída da Alameda, Jaime Janer, Busto de Abaixo, Dr. Touriño, Sol ata á Praza do Reloxo, onde terá lugar o pregón. Ao rematar saída por Real, Almuíña, praza de España e despedida ao mar.
Sábado, 21 de febreiro. 16.30h. Animación da Charanga Noroeste. Seixo. 17.00h. Desfile de Entroido de Seixo, dende San Blas ata a Alameda de Seixo coa homenaxe á Burra Chirica, lambonadas para a rapazada, rematando con sesión de música-baile. Organiza: Grupo Cultural Ronsel e Concello de Marín.
Venres, 27 de febreiro. 17:00-20:00h. Entroido Solidario (Día Mundial das Enfermidades Raras). Multiusos. Organiza Asoc. NES (No Estamos Solos).
Domingo, 8 de marzo. 17:00h. Desfile Entroido de San Xulián. Organiza: Comparsa Os da Caña.