Marín creará o Parque da Natureza de Castiñeiras, co obxectivo de potenciar o bosque atlántico galego, revalorizar o entorno fluvial coa creación dun estanque para anfibios, fomentar a plantación de árbores froiteiras e reabrir o Miradoiro de Cotorredondo.
A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, achegáronse ao Lago Castiñeiras para anunciar a creación dun Parque da Natureza neste enclave, na zona comunal de Santomé de Piñeiro, por medio da financiación do Plan de Sostibilidade Turística.
Desfrutar do entorno do lago
O Lago Castiñeiras e o seu entorno son espazos óptimos para que a xente de Marín, así coma os visitantes, poidan estar en contacto coa natureza e desfrutar dos recursos naturais, xa sexa de forma pasiva ou activa, a través do turismo forestal.
Trala obra executada no entorno do Lago, no que se crearon sendas peonis, un estacionamento separado do propio lago, un auditorio ao aire libre e unha nova zona de merendoiro, afirma a alcaldesa “quixemos encargar un proxecto nesta zona, co que ampliaremos as zonas de lecer e crearemos novos atractivos turísticos, á par que recuperamos medio ambientalmente o espazo”.

Ecosistema de distintos bosques
A obra na que Marín creará o Parque da Natureza de Castiñeiras (que conta cun orzamento de case 140.000 euros) según o proxecto técnico, ten como obxectivos xerais garantir a conservación e funcionamento deste espazo como unha infraestrutura ambiental atractiva. Además pretende contribuir ás súa restauración ambiental e o uso ordenado dos recursos e o aproveitamento sostible do patrimonio natural.
Para iso, plantéxase unha especie de ecosistema de distintos bosques, como illas temáticas sobre as que se actuará:
- O Bosque Galego: Traballarase coa reforestación autóctona e a mellora do sotobosque, eliminando especies invasoras.
- O Bosque da Auga: Plantaranse frondosas típicas dos bosques fluviais. Tamén se creará un estanque para anfibios, tratando de potenciar a riqueza da fauna da contorna.
- O Bosque do cidadán: Ampliarase o parque infantil con elementos de xogos relacionados co gabeado, a escalada… seguindo así un concepto de multiaventura.
- O Bosque comestible: Sementaranse árbores froiteiras autóctonas galegas (maceiras, pereiras, ameixeiras) así como herbas mediciñais e aromáticas.
O miradoiro e a mámoa
Outras das reformas acometidas serán as do Miradoiro de Castiñeiras e a Mámoa de Pedralonga. No caso do primeiro, acondicionarase este palco, desde o que se ten unha panorámica da ría, así como o sendeiro de acceso e a zona anexa de estacionamento. Tamén se colocarán banquiños e un bambán dobre de madeira. Por outra banda, a Mámoa de Pedralonga protexerase e porase en valor esta peza de patrimonio arqueolóxico coa colocación dun novo valado de protección.
Unha vez se adxudiquen os traballos, o proxecto terá un prazo de execución de cerca de cinco meses.