As denuncias non só proceden da cidadanía, senón que tamén están a ser secundadas por membros da oposición, que apuntan directamente á falta de acción e de preocupación institucional por un problema que, segundo afirman, vai en aumento co paso dos meses.
Un dos temas máis recorrentes nas queixas é o da presenza masiva de excrementos de pombas, que manteñen moitas zonas invadidas sen que ata o de agora se atopara unha solución efectiva. Ademais, veciños aseguran que a suciedade derivada desta situación provoca tamén malos cheiros en varios puntos de Marín, o que contribúe a unha imaxe negativa do municipio.
Hai xa meses que a veciñanza está reclamando unha solución para este problema de salubridade pública, e é por iso que a cuestión das pombas volveu gañar protagonismo neste mes de agosto, con veciños que insisten en que nada cambiou a pesar das súas demandas reiteradas. Reclaman máis medios e un plan real para combater esta praga e mellorar a limpeza das rúas.

Desigualdades na limpeza das zonas de Marín
A percepción xeral é que o nivel de limpeza non é uniforme. Mentres a zona central, con especial atención á Alameda, recibe máis coidados, outros barrios e rúas denuncian un abandono evidente. A mesma crítica faise extensiva aos parques infantís, que moitos veciños consideran descoidados no tocante á limpeza e ao mantemento diario.
Algúns cidadáns poñen exemplos concretos. Unha veciña asegura que os malos olores na Rúa Real, nas inmediacións do antigo bar As Tres Portiñas e o desaparecido O Estrobo, ou na entrada do barrio da Cañota, son “insoportables”, e insiste en que a situación se repite nos contedores do lixo, que desprenden cheiros desagradables.

Outro exemplo é o barrio da Cañota, que foi mencionado en numerosas ocasións como unha das zonas máis afectadas pola falta de limpeza. Varios veciños denuncian que, ademais dos cheiros, as beirarrúas e espazos comúns presentan restos de lixo e excrementos de animais, o que consideran un problema de salubridade. Aseguran que, mentres o centro goza dunha atención constante, o barrio permanece en segundo plano e reclaman que se dean solucións urxentes para devolverlle dignidade ao espazo.
Malos cheiros no Parque Azul
As críticas tamén se dirixen cara ao Parque Azul e ao skate park, espazos que foron recentemente decorados e mellorados, pero nos que, segundo denuncian, non existe un mantemento axeitado. A presenza de cheiros a ouriños é, para moitos, un problema constante que resta valor aos investimentos realizados nestes lugares pensados para o lecer.
Non escapan tampouco a estas críticas os parques infantís, onde tamén se fala de falta de mantenemento, en zonas especialmente delicadas polo acceso que as crianzas adoitan ter a elas.
Os excrementos dos cans e as sancións
Outro punto que xera malestar é o comportamento dalgúns donos de cans que non recollen os excrementos dos seus animais. As voces críticas solicitan que se fagan efectivas as sancións ou se establezan medidas preventivas que contribúan a poñer fin a este problema.

Mentres tanto, o descontento medra e as redes sociais seguen funcionando como altofalante popular dun clamor veciñal que pide accións inmediatas fronte a unha suciedade que, afirman, deteriora a vida diaria en Marín.