Co obxectivo de minimizar as molestias á veciñanza e ao tráfico rodado, os traballos desenvolveranse exclusivamente durante o horario nocturno. Concretamente entre as 22.00 e as 07.00 horas. Esta medida permitirá manter o tránsito fluído durante o día, evitando cortes prolongados nunha vía de alta densidade circulatoria. As obras arrancarán na zona da marquesiña da Praza de España e avanzarán progresivamente en dirección a Cantodarea.
Durante esta fase, que se prolongará ao longo de toda a vindeira semana, veranse afectados de maneira puntual os espazos de estacionamento lateral. Os vehículos deberán ser retirados das zonas onde se estea a actuar cada noite para facilitar os traballos de asfaltado. A Policía Local vai ser a encargada de sinalizar previamente cada tramo afectado e, unha vez rematada a intervención nunha zona concreta, restablecerá o uso normal dos aparcadoiros.
O Concello pide a colaboración cidadana
Desde o Concello piden colaboración á cidadanía e agradecen a comprensión dos veciños e veciñas ante as posibles incomodidades derivadas desta actuación. Quere lembrar que «se trata dun proxecto pensado para mellorar a calidade de vida urbana e a seguridade viaria». Ademais, unha vez rematada a fase de asfaltado, procederase ao pintado definitivo da sinalización horizontal dos novos carrís.
Paralelamente, continúan os traballos de construción da nova rotonda na contorna de Nodosa, unha infraestrutura que segundo o Concello «busca mellorar a fluidez do tráfico e reducir os puntos conflitivos nun dos principais accesos ao núcleo urbano».

Con esta intervención, comentan dende a alcaldía que «a Avenida de Ourense dará un paso máis no seu proceso de transformación» algo que ven coma «un avance cara a humanización do espazo público como eixo de desenvolvemento urbano».