O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou a incorporación do Auditorio de Marín á Rede Galega de Teatros e Auditorios con tres espectáculos.
Desta forma, este circuíto permitirá gozar nas súas instalacións da obra Sen Patrón, de Pistacatro Produtora de Soños, o 6 de setembro; mentres que, o 7 de novembro, representarase O que non se ve, de Et Suseia Danza, e o 4 de decembro, Benquerer, da compañía de Fran Sieira.
O titular de cultura da Xunta salientou a “relevante contribución” da Rede Galega de Teatros e Auditorios “para a dinamización cultural ao levar unha variada carteleira de disciplinas escénicas a calquera recuncho da Comunidade”. Neste senso, puxo en valor o seu papel dentro dos obxectivos marcados pola Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, “normativa pioneira en Europa para garantir tanto a creación como o acceso
universal á cultura”.
Precisamente, lembrou que este ano o circuíto, cofinanciado pola Xunta e entidades locais participantes, cumpre o seu 30º aniversario, tras fundarse en 1996 ”para favorecer unha oferta estable de espectáculos, producidos en Galicia, desde os principais escenarios galegos”.